Máis de 350 socialistas da Galiza apoian o indulto aos presos do procés

Respaldan un manifesto no que consideran esta medida como a fórmula para "iniciar unha nova vía de diálogo e entendemento que facilite a convivencia en Catalunya".
Recollida de sinaturas do PP contra o indulto. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press) #procés #indulto #pp #psdeg #manifesto #presos #catalunya
photo_camera Recollida de sinaturas do PP contra o indulto. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

Altos cargos e militantes do PSdeG, máis de 350 en concreto, deron esta sexta feira o seu apoio a un manifesto a prol de que se conceda o indulto aos presos do procés catalán. Interpretan que esta estratexia servirá para abrir "unha nova vía de diálogo e entendemento que facilite a convivencia en Catalunya".

Na iniciativa impulsada polos militantes de base Alicia Lago e Víctor Pedreira e a subdelegada do Goberno español en Pontevedra, Maica Larriba, así coma os deputados Noa Díaz e Martín Seco, afirman que tamén podería devolver "a harmonía e o encontro entre a sociedade catalá e as súas institucións e o conxunto do Estado".

Todas as persoas que están detrás da iniciativa son próximas ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que non asina pero si dixo publicamente que apoia a saída de prisión como un paso "dentro do Estado de Dereito e en busca do interese xeral".

"Estamos bastante fartos de que a dereita política e os seus medios afíns tenten apropiarse da nosa opinión, interpretándoa torticeramente segundo os seus intereses partidarios", recolle o manifesto, ao fío dunha "suposta opinión minoritaria contraria" ao indulto nas bases do partido.

Igualmente considera que "o conflito existente actualmente na sociedade catalá e entre parte dela e o resto da sociedade española responde a causas de carácter político".

"Defendemos que, dentro do Estado de Dereito e do imperio da lei, búsquense vías políticas", incide o manifesto, que culpa á política levada a cabo polo Partido Popular con iniciativas "tan lamentábeis como a instalación de mesas para a recollida de firmas contra o Estatuto de Catalunya ou as campañas de boicot aos produtos cataláns, só contribuíron a aumentar o resentimento de moitos cataláns cara ao conxunto do Estado español e aumentar o apoio popular a opcións políticas de carácter independentista".

"Por tanto, continuar na dinámica de enfrontamento ou simplemente non facer nada e esperar que o tempo resolva a situación actual sería un enorme erro debido a que só serviría para agrandar a brecha que actualmente separa as posicións do independentismo catalán co resto do noso país", engade, nun discurso que se contrapón coa cita dos partidos de dereita programada na praza de Colón.

Comentarios