Cando están a piques de facerse 30 meses cun Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) en funcións, ao non poder acordarse a súa renovación no Congreso, o Partido Popular fecha a porta a calquera opción de pacto co PSOE valéndose da posibilidade de que o Goberno do Estado aprobe os indultos ás presas e presos políticos cataláns.
O acordo entre os partidos estatais é imprescindíbel para alcanzar a maioría reforzada de tres quintos en Congreso e Senado precisa para renovar o órgano de Goberno das xuízas e xuíces.
A semana pasada, cargos institucionais e orgánicos do PP xa sinalaban que de saír adiante os indultos sería moi difícil que se volvesen sentar con Pedro Sánchez para negociar sobre o poder xudicial e hoxe foi Cuca Gamarra, voceira do PP no Congreso, quen confirmou que de ser así “sen dúbida ningunha” paralizarán a renovación, co cal o Consello Xeral do Poder Xudicial actual podería seguir até 2024 -as eleccións serían a finais de 2023-, superando os cinco anos en funcións.
Nunha entrevista, Gamarra apuntou que cos indultos estaríanse “rompendo as regras do xogo e ademais estase a pasar unha liña vermella”.
Instan o CXPX a dimitir en bloque
Pola súa banda, a asociación xudicial Xuízas e Xuíces para a Democracia instou os membros do Consello Xeral do Poder Xudicial a que dimitan en bloque para obrigar á renovación do órgano.
Na solicitude, a entidade acusou o PP das rupturas dos intentos anteriores de negociación, utilizando “variadas e inxustificábeis escusas” para erguerse da mesa, indican, como vetar a participación de Unidas Podemos no diálogo, facer o mesmo con algunha das candidatas e candidatos a entrar no Consello e xa na terceira ocasión polas eleccións en Catalunya e Madrid.
Ademais, defenden que cando a renovación dun órgano constitucional se adía moito no tempo, “incorre nunha fraude institucional que debilita o seu funcionamento" correcto.