xoves 24/09/20

Madrid deriva nunha empresa o rastrexo da Covid-19 ao ver "inviábel" usar persoal propio

A Comunidade de Madrid vén de derivar nunha entidade privada os labores de rastrexo de casos de coronavirus, "dada a importancia dos servizos" a realizar e por tratarse dunha "emerxencia de carácter inaprazábel". 
A xustificación do contrato alude ao equipo técnico e instalacións da empresa, Quirón Prevención.  (Europa Press)
A xustificación do contrato alude ao equipo técnico e instalacións da empresa, Quirón Prevención. (Europa Press)

Así se expón na memoria xustificativa do contrato, na que se explica a elección desta empresa, Quirón Prevención, por ser  –indica– a única que conta coas "instalacións e o equipo requirido para a realización dos traballos obxecto do servizo".

O obxectivo é a realización de enquisas telefónicas para recoller variábeis epidemiolóxicas de casos de Covid-19 detectados neste territorio, incluíndo os antecedentes do caso, o momento de inicio dos síntomas ou as exposicións de risco para a adquisición da enfermidade e a identificación dos contactos durante o período en que puidesen transmitir a enfermidade.

A contratación tómase diante do aumento sostido de contaxios e da baixa taxa de detección de  casos asintómáticos, que "obriga a prover dun maior número de efectivos destinados aos labores de averiguación e seguimento", e logo de que a Dirección Xeral de Saúde Pública, hai unha semana, implicar nestas funcións a persoal voluntario e sen remuneración na Universidade Complutense.  

"O tempo de formación necesario, a eventual rapidez coa que poidan producirse cambios na situación epidemiolóxica e o carácter anticipatorio que se busca acurtan os tempos e fan inviábel solicitar os medios materiais e humanos precisos dentro dos recursos propios da Administración nun prazo compatíbel cos obxectivos perseguidos", alegáse desde o Goberno da Comunidade de Madrid, despois de fracasar a tentativa de empregar voluntariado.  Segundo os datos do Ministerio, os casos neste territorio multiplicáronse por máis de 14 nun mes, ao pasar dos 285 deteccións na semana do 15 de xullo ás 4.147 a semana pasada. 

Tras coñecer esta información, a secretaria xeral de CCOO Sanidade Madrid, Rosa María Cuadrado, tachou onte de "vergoña" e "desvergoña" por parte do Goberno rexional esta contratación "sen publicidade e con nocturnidade e aleivosía".

"Primeiro tenta buscar  rastrexadores voluntarios sen retribución e, unha vez que non o consegue, adxudica un contrato a unha empresa externa con dotación orzamentaria para que as empresas privadas si poidan cobrar. O que se lles nega a profesionais de Ciencias da Saúde, dispoñíbeis no ámbito académico, ofrécese sen pudor á privada", denunciou Cuadrado, quen lembra que os equipos rastrexadores, que o Goberno madrileño cifraba en maio en 400 profesionais, tiñan que estar contratados antes de comezar o desconfinamento.  

comentarios