Macron perde a maioría absoluta na Asemblea Nacional mentres a esquerda ocupa a segunda forza

Cartón electoral das lexislativas francesas. (Foto: Europa Press)
Os comicios deste domingo en Francia estiveron marcados pola alta abstención. Nesta segunda volta ascendeu até 53,7%, medio punto máis que na primeira volta.

As eleccións lexislativas deste domingo en Francia deixaron como principal titular a perda da maioría absoluta na Asemblea Nacional da formación liderada polo presidente de Francia, Emmanuel Macron.

Pese a manterse como forza máis votada, Macron obtivo este domingo 244 deputados, lonxe dos 289 necesarios para obter unha maioría absoluta na cámara lexislativa francesa.

En segunda posición queda a coalición de esquerdas e ecoloxistas, Nova Unión Popular Ecolóxica e Social (NUPES), encabezada por Jean-Luc Mélenchon.

NUPES obtivo 127 deputados, o que lle outorga a condición de primeira forza opositora e gran poder para Mélenchon á hora de pactar posíbeis acordos con Emmanuel Macron en materia lexislativa.

Por detrás deles, Reagrupamento Nacional, de Marine Le Pen, pasou de 8 a 89 deputados. A cuarta forza ocúpana Os Republicanos e aliados de centro-dereita, coa que o presidente de Francia podería estabelecer unha coalición para manter a maioría absoluta. Porén, o seu líder, Christian Jacob, xa segurou que se manterán na oposición.

Comicios marcados pola abstención

Os comicios deste domingo en Francia estiveron marcados pola alta abstención. Nesta segunda volta ascendeu até 53,7%, medio punto máis que na primeira volta.

Despois de coñecerse os resultados, a primeira ministra francesa, Élisabeth Borne, afirmou que "esta situación constitúe un risco para o noso país vistos os desafíos tanto a escala estatal como internacional".

Borne mantivo un encontro con Macron para analizar os comicios, nos que varios dos ministros do actual Goberno francés que se presentaban ás lexislativas quedaron sen escano na Asemblea Nacional.

As eleccións lexislativas deste domingo marcan o inicio da sucesión de Macron como presidente de Francia en 2027, xa que o dirixente non pode ocupar a Presidencia durante tres mandatos consecutivos.