Duelo entre Mélenchon e Macron sen gañador claro na primeira volta

Macron aínda conta con posibilidades de alcanzar a maioría absoluta na segunda volta
O presidente de Francia, Emmanuel Macron. (Foto: Presidencia de Francia)
photo_camera O presidente de Francia, Emmanuel Macron. (Foto: Presidencia de Francia)

Os resultados das eleccións lexislativas francesas coñecidos onte ratifican que as enquisas acertaron na primeira volta dos comicios do domingo, ao prognosticar un empate técnico entre as candidaturas lideradas polo presidente Emmanuel Macron e por Jean-Luc Mélenchon que acabou por producirse. Non obstante, fica a interrogante sobre que formación se impuxo.

Segundo o Ministerio de Interior francés, a resposta é Xuntos, a alianza de Macron encabezada pola súa formación A República en marcha, que se tería imposto por 21.359 sufraxios (25,75%) á Nova Unión Popular Ecolóxica e Social (Nupes) de Mélenchon (25,66%), por detrás queda a extrema dereita de Reagrupamento Nacional (18,68%) con Marine Le Pen á cabeza, a dereita tradicional dos Republicanos (10,42%), e Reconquista (4,24), a outra forza de extrema dereita, neste caso liderada por Éric Zemmour, que rematou o escrutinio sen posibilidades de obter representación.

Porén, segundo xornais como Le Monde, sería Mélenchon o vencedor con 26,11% dos votos, fronte a 25,81% de Macron. O medio explica no seu editorial como se produce esa diferenza a pesar de utilizar os mesmos datos ofrecidos por Interior.

Xa na publicación oficial de candidaturas, o Ministerio non aclarou axeitadamente as afiliacións de cada candidato, situando os representantes de Nupes como integrantes doutras agrupacións, como aconteceu con distintos membros dos Verdes. Aínda que unha decisión xudicial obrigou a reagrupar de forma correcta as candidaturas, o propio Mélenchon denunciou a “manipulación dos resultados” após coñecerse os datos finais, que xustificou polo medo do Executivo de Macron a recoñecer que non se impuxeran na primeira volta, mentres enumeraba distintos casos nos que os votos dos seus candidatos non foron sumados a Nupes.

Sexa como for, é un resultado histórico para a coalición da Francia Insubmisa, Os Verdes, o Partido Comunista e o Partido Socialista, que lles abre a porta a impulsar a Mélenchon como primeiro ministro se conseguen superar a Xuntos o vindeiro domingo, cando se desenvolverá a segunda volta. Iso si, Macron conta cunha lixeira vantaxe, ao clasificarse para a ronda final en 421 dos 577 distritos electorais, ao tempo que Nupes alcanzou os 390; en 208 demarcacións estará Reagrupamento Nacional e en 75 Os Republicanos. Só cinco lexisladores garantiron o seu escano nesta primeira volta, catro de Nupes e un de Xuntos. Malia que as enquisas aínda dan posibilidades a Xuntos de acadar a maioría absoluta, fixada en 289 asentos, precisará superar Nupes nun man a man, ao enfrontarse en 276 distritos.

Tamén serán chave os arredor de 60 duelos entre progresistas e extrema dereita, precisamente, isto xerou a primeira polémica tras os comicios, ao sinalar fontes gobernamentais a medios locais que Macron está disposto a rachar co cordón sanitario á extrema dereita, analizando o seu apoio “caso por caso” en cada zona.

Nese sentido, distintos medios destacan que as e os candidatos da alianza presidencial teñen máis marxe de ascenso ao haber máis forzas conservadoras en liza que resultaron eliminadas, coa esquerda xa concentrada nesta ronda. Así e todo, as principais posibilidades de Nupes estriban na mobilización da abstención, a opción elixida por 52,49% das e dos franceses nas lexislativas con menos participación da historia da Quinta República.

O conservador Le Figaro, un dos principais xornais do país, incidiu no seu editorial en que os resultados suporán no mellor dos casos unha “maioría menor” para o actual mandatario, que cualificou como “un desastre para o futuro, é difícil ver como o máis mínimo impulso reformador podería saír dunha Asemblea Nacional privada de maioría real”.

Nacións sen Estado

Os comicios deixan un panorama diverxente entre os territorios. No caso de Iparralde e da Catalunya Nord ningunha das candidaturas soberanistas foron quen de chegar á segunda volta, mentres que na Bretaña só no distrito de Morbihan accedeu un candidato da agrupación Liberdades e Territorios.

O maior éxito chegou en Córsega, con candidatos nacionalistas en pugna nos catro distritos, co que poderían superar os tres asentos do período anterior. Ademais, varias forzas soberanistas chegaron á segunda volta en Nova Caledonia, Martinica e Güiana.

Comentarios