A oposición francesa busca coalicións para vencer Macron nas parlamentarias

Mentres Marine Le Pen dubida se aliarse co ultradereitista Éric Zemmour, a Francia Insubmisa de Mélenchon xa comezou a rolda de contactos para estabelecer unha fronte electoral de esquerda.
O candidato da Francia Insubmisa, Jean-Luc Mélenchon, reúnese hoxe co Partido Socialista para estudar unha fronte electoral de esquerda. (Foto: Alexis Sciard / Zuma Press / Contacto Photo)
photo_camera O candidato da Francia Insubmisa, Jean-Luc Mélenchon, reúnese esta cuarta feira co Partido Socialista para estudar unha fronte electoral de esquerda. (Foto: Alexis Sciard / Zuma Press / Contacto Photo)

A conclusión das eleccións presidenciais en Francia, coa vitoria de Emmanuel Macron xa confirmada, puxo punto e seguido nunha cadea de renovación institucional que seguirá en xuño coa "terceira volta", palabras coas que describiron dirixentes opositores uns comicios parlamentarios nos que aspiran a lograr a cohabitación política.

Os resultados da primeira volta das eleccións presidenciais amosaron un panorama político francés dividido en tres bloques cunhas porcentaxes de voto similares: O bloque do presidente Macron (En marcha), o bloque da ultradereita de Marine Le Pen (Agrupación Nacional) e Éric Zemmour (Reconquista), e o bloque de partidos de esquerda que lidera Jean-Luc Mélenchon (A Francia insubmisa).

En Francia, coñécese como cohabitación á convivencia forzosa entre un presidente e un Goberno de distinto signo político. Ocorreu en tres ocasiones durante a V República, a última delas entre 1997 e 2002. A priori, a redución dos mandatos presidenciais de sete a cinco anos, facendo coincidir eleccións presidenciais e lexislativas, complica que se dea esta situación.

Porén, nun ambiente de tanta división, na que, atendendo á primeira volta das presidenciais en que Macron obtivo 28% do voto, semella que unha maioría da poboación francesa ten perdido a confianza no actual presidente, o que fai que os seus rivais políticos alimenten este discurso de terceira volta e teñan esperanza de obter un Goberno alternativo.

Aínda que corresponde ao xefe de Estado (o presidente) designar o primeiro ministro e avalar, a proposta deste último, ao resto de integrantes do gabinete, na práctica, non podería impor un primeiro ministro contrario á maioría lexislativa, xa que o artigo 49 da Constitución francesa precisa que o primeiro ministro debe ter a confianza do Parlamento da República.

Por tanto, a Asemblea Nacional podería tombar de maneira practicamente inmediata unha candidatura que non considere afín. Nunca na historia da V República o pulso político ten chegado a este nivel, e que se poida dar esta situación inédita dependerá en gran medida do grao de colaboración que mostre o novo xefe de Goberno co reelixido presidente da República.

Alianza da esquerda

O partido A Francia Insumisa prepara encontros con organizacións e partidos políticos de esquerda, incluído o Partido Socialista, con vistas á confección dunha fronte común para as eleccións lexislativas de xuño. 

O partido de Mélenchon mantivo xa contactos cos principais partidos ecoloxistas, comunistas e anticapitalistas. Esta cuarta feira ten prevista unha reunión co Partido Socialista para a que foi chave a aprobación dunha resolución no Consello Nacional deste partido que aprobou estabelecer diálogo coa Francia Insubmisa para unha coalición de esquerda.

Le Pen tamén candidata

Le Pen describiu o seu resultado nas presidenciais como "histórico" e anticipou o que veu chamar como "a gran batalla", en alusión ás parlamentarias. "O partido non terminou", declarou. A candidata da Agrupación Nacional dubida sobre a posibilidade de estabelecer unha fronte común co partido do ultradereitista Éric Zemmour.

A cohabitación podería complicar o liderado de Macron

Un primeiro ministro contrario á liña do Eliseo limitaría en gran medida a marxe de manobra política de Macron e mesmo podería promover leis ou decretos contrarios aos seus desexos. De feito, durante a última cohabitación, cando Jacques Chirac era presidente, este non puido impedir que saísen adiante medidas ás que era contrario como a semana laboral de 35 horas ou a cobertura de saúde universal.

Porén, o poder do primeiro ministro é limitado, unha potencial xefatura do Goberno de Le Pen ou Mélenchon non podería modificar ao seu antollo a Constitución para introducir algunhas das medidas que prometeron en campaña, incluída a convocatoria de referendos. Macron, ademais, tería plena liberdade para cuestionar o labor do Goberno e desmarcarse del en cuestións potencialmente espiñentas, como a política internacional.

Comentarios