Eleccións en Francia

Empate técnico entre Mélenchon e un Macron que se abre a pactar coa extrema dereita

Menos dunha décima separa os sufraxios obtidos pola candidatura presidencial e pola coalición de esquerda Nupes. O presidente francés abre a porta a rachar o 'cordón sanitario' a Le Pen e pactar coa ultradereita nalgunhas circunscricións nas que se enfronte a Nupes na segunda volta do vindeiro domingo.
Un colexio electoral en Henin-Beaumont, Francia, este domingo. (Foto: Sebastien Courdji / Xinhua News vía Europa Press)
photo_camera Un colexio electoral en Henin-Beaumont, Francia, este domingo. (Foto: Sebastien Courdji / Xinhua News vía Europa Press)

Os prognósticos confirmáronse finalmente en Francia este domingo, na primeira volta dunhas eleccións lexislativas das que sae como gran vencedora a coalición de esquerdas Nova Unión Popular Ecoloxista e Social (Nupes), que abrangue socialistas, comunistas, ecoloxistas e mais a Francia Insubmisa de Jean-Luc Mélenchon.

As esquerdas obtiveron 25,66% dos sufraxios, segundo vén de informar o Ministerio do Interior francés, a unha distancia de menos dunha décima da candidatura do presidente, Emmanuel Macron, Xuntos, con 25,75% dos votos.

Ambas as coalicións sepáraas unha diferenza de só 21.442 votos, segundo precisou o xornal Le Figaro. A unha maior distancia fican a Agrupación Nacional de Marine Le Pen (18,68%), Os Republicanos (11,29%) e Reconquête, do ultradereitista Éric Zemmour.

Mais os comicios, con todo, estiveron marcados por unha histórica abstención: 52,8%, o que supón que máis da metade do electorado quedou na casa.

Xuntos, perto da absoluta en escanos

Debido ao sistema electoral francés, no que cada escano se decide en cada circunscrición, a proxección de Ifop-Fiducial apunta que a coalición presidencial Xuntos obterá entre 275 e 310 do total de 577 asentos, mentres a formación liderada por Mélenchon alcanzaría de 180 a 210.

Malia todo, o líder esquerdista celebrou os resultados e instou a volver votar o vindeiro domingo para "rexeitar definitivamente" as "desastrosas" políticas de Macron: "Por vez primeira na V República, un presidente recentemente electo non logra obter a maioría nas eleccións lexislativas inmediatamente posteriores".

Desde Xuntos dixeron "comprender" esta "advertencia" do pobo francés: "Escoitamos o silencio das urnas, escoitamos o ruído da rúa. Tamén escoitamos os moitos franceses que depositaron a súa confianza en nós", precisou Olivier Véran, ministro de Relacións co Parlamento.

Macron ábrese a pactos coa ultradereita

Fontes próximas a Macron citadas por varios medios galos sinalan que o presidente non imporá unha consigna xeral sobre a que formación apoiar na segunda volta do vindeiro domingo nos casos nos que o escano estea en disputa entre a esquerda de Nupes e a ultradereita de Agrupación Nacional, senón que se estudará "caso por caso".

Esta postura provocou a reacción inmediata da esquerda, pois até o de agora en Francia aplicárase un firme 'cordón sanitario' á formación de Le Pen. "Os ecoloxistas mobilizáronse masivamente para derrotar Le Pen nas presidenciais. É absolutamente escandaloso escoitar Olivia Grégoire e Gabriel Attal [de Xuntos] negarse a dar unha indicación do voto en caso de duelo Nupes-AN!", lamentou Yannick Jadot, líder dos Verdes.

Comentarios