Francia

Mélenchon concorrerá ás lexislativas cos Verdes mentres negocia co PS e o PCF para ampliar a fronte de esquerdas

Os Verdes aceptan que o candidato a primeiro ministro nas lexislativas sexa Jean-Luc Mélenchon, da Francia Insubmisa. A coalición acudirá aos comicios, previsibelmente, baixo a denominación Nova Unión Popular Ecolóxica e Social.
De esquerda a dereita, Fabien Roussel (PCF), Jean-Luc Mélenchon (FI), Julien Bayou (Verdes) e Olivier Faure (PS). (Fotos: Europa Press)
photo_camera De esquerda a dereita, Fabien Roussel (PCF), Jean-Luc Mélenchon (FI), Julien Bayou (Verdes) e Olivier Faure (PS). (Fotos: Europa Press)

As eleccións presidenciais de Francia decorridas o pasado 10 de abril —primeira volta— deixaron o candidato da coalición de esquerda Francia Insubmisa (FI), Jean-Luc Mélenchon, ás portas de pasar á segunda rolda para enfrontarse ao liberal Emmanuel Macron, de En Marche (EM). Menos de medio millón de votos separaron Mélenchon de Marine Le Pen, a ultradereitista de Agrupación Nacional (RN, en francés).

Os sufraxios que faltaron para pasar á segunda volta das eleccións foron menos que os colleitados polo Partido Comunista Francés (PCF) de Fabien Roussel —802.422 votos—, que se ben nos comicios de 2017 concorrera baixo as siglas da Francia Insubmisa, nesta ocasión participou por separado. Mais dentro da esquerda francesa participaron destas eleccións outras formacións como o histórico Partido Socialista (PS), que non alcanzou 2% dos votos, ou Europa e Ecoloxía - Os Verdes (EÉ-LV, en francés), liderada por Julien Bayou, que obtivo 1,6 millóns de sufraxios e case 4,65% do total.

Agora, coa vista posta nos próximos comicios, as lexislativas que decorrerán o 12 de xuño en primeira volta e unha semana despois na segunda, Mélenchon quere conformar unha "federación" de partidos de esquerdas que teña a capacidade de derrotar Macron —e Le Pen, pois desde RN non descartan unha alianza con Reconquista, a formación de extrema dereita de Éric Zemmour, cando menos cara á segunda volta—.

Na madrugada desta segunda feira representantes da Francia Insubmisa e dos Verdes fecharon finalmente un acordo que reflicte as liñas xerais do programa electoral, entre as que se atopa a "desobediencia" á Unión Europea (UE) mais só no que atinxe a "certas regras económicas e orzamentarias, se for preciso".

A fronte de partidos adoptará a marca, previsibelmente, de Nova Unión Popular Ecolóxica e Social. Aliás, no caso de obter maioría, o primeiro ministro proviría "do grupo máis numeroso da Asemblea, a saber, Jean-Luc Mélenchon". Os Verdes, segundo transcendeu das negociacións, liderarían arredor dun cento das 577 circunscricións electorais —son uninominais—.

Na pasada sexta feira o Partido Socialista anunciou a "suspensión" das negociacións con Mélenchon. O ex líder socialista, Jean-Christophe Cambadélis, instou as figuras históricas da formación a "oporse" a esta alianza e "refundar" o PS, ao tempo que avogou por "unha esquerda de transformación responsábel".

Mélenchon replicou este domingo, no marco da marcha polo Primeiro de Maio: "Se as discusións non rematan esta noite, entón nunca rematarán". Pola súa parte, o actual primer secretario do PS, Olivier Faure, subliñou que "non hai data límite" mais si "hai que ter éxito". "Podemos ver claramente que non estamos tan lonxe dun acordo. Continuaremos falando esta noite", dixo, en alusión ao domingo. Na mobilización ambos os dirixentes atopáronse e conversaron un bo anaco ante as cámaras. As persoas manifestantes berraban de fondo "Unión Popular!".

E a respecto do PCF, este sábado a formación emitiu un comunicado na que demandaba "unha coalición de forzas sen hexemonía e unha etiqueta común que reflicta a expresión da nosa diversidade", ao mesmo tempo que avogaba por unha "reunión conxunta" no canto de "reunións bilaterais separadas" de Mélenchon coas distintas agrupacións.

"Logo de varios días de discusión cos nosos socios, notamos que as propostas da Francia Insubmisa, que ten a responsabilidade principal de permitir esta reunión, non a permitiu aínda", apuntaron, á vez que se opuxeron a "discutir nada até que se teñan decidido as cuestións programáticas".

Comentarios