Francia

Macron designa primeira ministra a ex socialista Elisabeth Borne

Será a primeira muller en ostentar o cargo desde 1992. O líder esquerdista Jean-Luc Mélenchon augura "unha nova tempada de abuso social" após o seu nomeamento.
A nova primeira ministra de Francia, Elisabeth Borne. (Foto: Sadak Souici / Le Pictorium Agency / DPA)
photo_camera A nova primeira ministra de Francia, Elisabeth Borne. (Foto: Sadak Souici / Le Pictorium Agency / DPA)

A ex ministra de Traballo de Francia, Elisabeth Borne, vén de ser elixida polo presidente, Emmanuel Macron, como nova primeira ministra após a renuncia de Jean Castex, que xa avanzara a súa saída mais agardou a que Macron achase unha persoa para substituílo á fronte do Executivo.

A través dun comunicado recollido por France 24, o Elíseo informou de que esta decisión é "a elección da competencia ao servizo de Francia, dunha muller de convicción, de acción e de realización". Trátase, apuntaron, dunha persoa "con cultura de Estado, do territorio e da empresa".

Borne será a primeira muller en ocupar o cargo desde 1992, cando o ostentaba Édith Cresson. Trátase dunha política que se integrou no partido de Macron, La République En Marche, após as eleccións presidenciais de 2017.

Porén, no pasado foi membro do Parti Socialiste. Os seus antecesores no cargo, Jean Castex e Édouard Philippe, procedían de Les Républicans.

Críticas de Mélenchon

O seu nomeamento provocou as críticas do líder do esquerdista La France Insoumise, Jean-Luc Mélenchon, que afirmou que Borne "representa rodo o que non funcionou nos últimos vinte anos".

Así, Mélenchon vaticinou "unha nova tempada de abuso social" en Francia co novo Goberno de Elisabeth Borne, que xa recibiu o encargo de designar os seus ministros e ministras e, mentres o anuncio non se faga efectivo, o equipo de Castex seguirá a gobernar en funcións.

Tamén a ultradereitista Marine Le Pen considerou que esta decisión de Macron pon de manifesto "a súa incapacidade para unir e a vontade de continuar coa súa política de desprezo".

Comentarios