Todas as opcións abertas nunhas eleccións en Francia nas que a participación cae a mínimos históricos

Macron e Melénchon loitan pola vitoria nas lexislativas deste domingo.
A participación contra as 17 horas era de 39,4%. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A participación contra as 17 horas era de 39,4%. (Foto: Nós Diario)

A cidadanía francesa está chamada ás urnas este domingo para renovar os membros da Asemblea Nacional após cinco anos de mandato. Segundo indicou o Ministerio do Interior francés, a participación contra as 17 horas era de 39,4%, isto é, 1,3 puntos menos que nos comicios de 2017.

Aliás, a empresa realizadora de enquisas Ipson vén de estimar unha abstención ao remate desta primeira quenda de votación —haberá unha segunda volta na meirande parte dos distritos o vindeiro domingo— de 52,8%, o dato de participación máis baixo da historia da V República francesa.

Xa en 2017 a abstención fóra especialmente elevada (51,3%), e o seguinte dato máis alto de persoas que non acudiron ás urnas rexistrouse nos comicios precedentes, en 2012 (42,8%).

O destas eleccións podería ser o maior dato de abstención da V República

Escenario aberto

As enquisas deixaron todas as opcións abertas nestas eleccións lexislativas, pois todo semella indicar que o partido de Emmanuel Macron, La Repúblique En Marche (LREM), non obterá maioría absoluta.

Diante esta a Nova Unión Popular Ecoloxista e Social (Nupes), liderada polo esquerdista Jean-Luc Mélenchon e que constitúe unha ampla fronte de esquerdas, desde os Verdes até a Francia Insubmisa, pasando polo Partido Comunista Francés e mais o Partido Socialista.

O traballo demoscópico máis recente correu a cargo de Ifop-Fiducial, que revelou esta sexta feita un empate técnico en intención de voto entre a Nupes de Mélenchon (26,5%) e a alianza do presidente (26%).

Trasladado a escanos, a enquisa estima que NUPES obterá entre 180 e 210 mentres que Xuntos alcanzará de 270 a 305, cando a maioría absoluta está marcada en 289. Pola súa parte, a agrupación conservadora liderada polos Republicanos faríase con entre 40 e 55 asentos, na extrema dereita, o Reagrupamento Nacional de Marine Le Pen ficaría con 15-35, e Reconquista de Éric Zemmour con 0-2.

Nacións sen Estado

Ademais, o resto de candidaturas gañaría de 8 a 14 asentos. Entre elas, están as das forzas das nacións sen Estado. En Iparralde, o Partido Nacionalista Vasco non presenta candidatura por primeira vez en dúas décadas, si participa a coalición EH Bai (Abertzaleen Batasuna, Sortu e Eusko Alkartasuna).

Ao tempo, na Catalunya Nord, Agissons e Oui au Pays Catalan uníronse baixo o paraugas de El País Català ets tu!, con candidatura nos catro distritos.

En Córsega, os nacionalistas tratarán de manter os tres escanos das anteriores eleccións, mais nesta ocasión irán por separado. No caso de Bretaña, hai en liza candidaturas da Unión Democrática Bretoa e o Partido Bretón.

Comentarios