Londres e Bruxelas preparan os papeis do divorcio

Londres e Bruxelas comezan esta segunda feira a conversar para materializar o “Brexit”. David Davis e Michel Barnier -xefes da equipa británica e da Unión Europea, respectivamente- presentábanse diante das cámaras ás nove e cuarto da mañá para dar así comezo á primeira semana de negociacións.

Sede da Comisión Europea en Bruxelas. (Foto: Nós Diario)

Se a semana pasada serviu para Londres e Bruxelas tentaren gañar algunha vantaxe inicial, durante esta que comeza levaranse a cabo reunións temáticas co fin de identificar áreas de acordo e desacordo. Os temas prioritarios a tratar nestas primeiras sesións son os dereitos das cidadás e dos cidadáns, as contribucións financieiras e a futura fronteira entre Reino Unido e a Unión Europea.

Esclarecer estes tres aspectos é imprescindíbel para poder saber que tipo de relación se manterá entre Londres e Bruxelas logo do Brexit. Neste momento, a “factura do Brexit”, as achegas que o Reino Unido tería de facer á Unión Europea, parece ser o principal punto de desacordo. A semana pasada, Boris Johnson, o chanceler británico, declaraba que Bruxelas pode “esperar sentada” polo diñeiro que agarda recibir de Londres. Porén, o goberno do Reino Unido relaxou a postura nos últimos días recoñecendo nunha carta dirixida ao parlamento as súas obrigas coa UE.

Esta quinta feira, Barnier e Davis farán balanzo dos resultados destas primeiras reunións nunha conferencia de imprensa conxunta. Mentres teñen lugar as negociacións, en Reino Unido a situación parece ser de confusión. Varios responsábeis británicos e europeos declaraban ao diario portugués Público que o goberno de Theresa May non ten unha estratexia clara a seguir nas negociacións, o que en parte ten a ver co mal resultado do Conservaty Party -gañou, mais perdeu a maioría absoluta perante o avanzo do Labour de Corbyn- nas eleccións do pasado 8 de xuño.

Comentarios