Reino Unido

Falece Isabel II de Inglaterra, tras un reinado de 70 anos

O reinado máis longo do Reino Unido, o de Isabel II, chegou ao seu fin após o falecemento, nesta quinta feira en Balmoral (Escocia), da monarca aos 96 anos. O seu fillo Carlos, príncipe de Gales, de 73 anos, a quen nos últimos anos fixo novas encomendas, é agora o rei. 
Winston Churchill e Isabel II en 1955. (Foto: Keystone Pictures USA / Zuma Press)
photo_camera Winston Churchill e Isabel II en 1955. (Foto: Keystone Pictures USA / Zuma Press)

A noticia da morte da até agora xefa de Estado do Reino Unido e de 14 países da Commonwealth chegou tras o empeoramento da súa saúde nos últimos anos e despois de que nestes días atrás transcenderan graves problemas de mobilidade, que levaron a realizar a recepción a Liz Truss como primeira ministra do Reino Unido en Escocia, onde se atopaba a raíña, e non en Londres. A saúde de Isabel II empeorara na mañá da quinta feira, o que motivou o traslado da familia da monarca, incluído o propio Carlos, a Balmoral. O falecemento fíxose público pasadas as 19.30 horas, cando nun comunicado, o Palacio de Backingham puña de manifesto que "A raíña morreu en paz esta tarde. O rei e a raíña consorte permanecerán en Balmoral esta noite e voltarán a Londres mañá".

Tras semanas de ausencia, Isabel II foi vista en público esta segunda feira, cando recibiu na residencia oficial de verán Boris Johnson para aceptar a súa dimisión como primeiro ministro. A monarca presentárase á audiencia cun caxato e mostrou complicacións físicas. Na cuarta feira, ao día seguinte de recibir Truss en Balmoral, o Palacio de Buckingham explicaba nun comunicado que a raíña non asistiría á reunión do Consello Privado do Reino Unido -consello asesor integrado pola raíña e membros do Parlamento do Reino Unido- por cuestións de saúde. "Após un día frenético onte [pola segunda feira], a súa maxestade aceptou o consello dos doutores e esta tarde descasará. Isto significa que a reunión do Consello Privado que debería realizarse esta tarde será aprazada".

Reinou dos 25 aos 96 anos

Tras a morte de Xurxo VI, a maior das dúas fillas asumiu o trono o 6 de febreiro de 1952, de maneira que con só 25 anos herdaba un imperio que chegara a colonizar os cinco continentes.

A historia da Coroa británica está estreitamente vinculada cos crimes coloniais que levantaron o imperio e, de feito, Isabel II accedeu ao trono lonxe do Reino Unido. Atopábase en Quenia, co seu home, duque de Edimburgo, falecido en abril de 2021 aos 99 anos, no marco dunha longa xira por varios países da Commonwealth.

A até esta quinta feira monarca máis lonxeva do planeta celebrou o seu xubileu de platino o pasado inverno. Malia ter sido obxecto de crítica, sobre todo, polos escándalos familiares e polas prebendas da Coroa, suscitou índices de popularidade altos e sostidos no tempo. O golpe máis duro á súa reputación non foron nin as crises socioeconómicas nin as guerras, senón a morte da que fora a súa nora e princesa de Gales, Diana, nun polémico accidente automobilístico en París hai 25 anos, mentres trataba de fuxir dos paparazzi. A decisión de Isabel II de manter na esfera privada o dó familiar e a tensa relación coa coñecida como "princesa do pobo" levou a que gran parte da opinión pública culpase a Coroa do final de Lady Di.

Ademais do proceso de descolonización, baixo a monarquía de Isabel II decorreu a Guerra Fría, o conflito armado en Irlanda do Norte, a entrada na Unión Europea, a guerra das Malvinas, a restauración dos Parlamentos de Gales, Escocia e Irlanda do Norte, a invasión do Iraq e o proceso do Brexit. De feito, no seu amplo reinado -só superado polo de 72 anos e 100 días de Luís XIV de Francia e o de Bhumibol Adulyadej, Rama IX, monarca de Tailandia durante 70 anos e 126 días- despachou con até 15 primeiros ministros, entre eles Winston Churchill, Margaret Thatcher ou Tony Blair.

A relación de Escocia e Irlanda do Norte coa raíña

O referendo de independencia de Escocia tamén tivo lugar baixo a súa monarquía, que o independentismo escocés estaba decidido a manter. Foron os republicanos irlandeses os que realmente desafiaron o poder e a imaxe do reinado e as consecuencias do conflito alcanzaron de perto a raíña, pois o IRA matou o seu curmán, o ex xefe militar Lord Mountbatten, en 1979. Para o republicanismo irlandés, Isabel II era a imaxe da dominación británica e dos excesos da Coroa. As fotografías tiradas en Belfast en 2014 da raíña estreitando a man ao ex vicepresidente do IRA Martin McGuinness ocuparon portadas dos diarios de todo o mundo.

Alén de raíña, Isabel II foi xefa da Commonwealth, da que fan parte 53 Estados soberanos dos que todos menos Mozambique están asociados ao Imperio Británico. Isabel II foi monarca de 15 destes países, incluídos Canadá e Australia. Os outros 36 son repúblicas ou contan con outras casas reais.

A coroación de Carlos III terá lugar meses após acceder ao trono

O até agora príncipe de Gales, que en novembro sumará 74 anos, é o primeiro na liña de sucesión ao trono británico e reinará como Carlos III. Tras a morte dos monarcas británicos, convócase o chamado Consello de Ascensión -presidido pola presidenta do Consello de Estado, a recentemente nomeada Penny Mordaunt-. O rei xurará entón defender a profesión de fe protestante, cumprindo a Lei de Estabelecemento de 1701 e, a continuación, lerase a proclamación, ademais de en Londres, en Edimburgo, Cardiff e Belfast -capitais de Escocia, Gales e Irlanda do Norte- e nas capitais dos países que teñen como monarca o do Reino Unido. Todo isto dentro do período de loito nacional de 12 días. A coroación de Carlos III terá lugar meses despois do seu acceso ao trono -a de Isabel II decorreu 14 meses despois-.

Na abadía de Westminster, Carlos será unxido e coroado. Daquela, probabelmente, xa estean deseñados os billetes, moedas e selos de correos coa imaxe do novo monarca. Camila, dona de Carlos, que en lugar de utilizar o título de princesa de Gales, optou polo de duquesa de Cornualles, recibirá o tratamento de raíña consorte.

Comentarios