Reino Unido

Os escándalos que marcaron o reinado de Isabel II

O príncipe Harry vestido de nazi e os seus excesos coa bebida, a fortuna oculta da raíña, o racismo que denunciou Meghan Markle, a relación con Lady Di... Estas foron as sombras do reinado de Isabel II.
Lady Di e Isabel II. (Foto: BBC)
photo_camera Lady Di e Isabel II. (Foto: BBC)
  1. A polémica con Lady Di
  2. O "racismo" da Casa Real con Meghan Markle
  3. 'Harry o nazi'
  4. Acusacións de abusos sexuais ao príncipe Andrew
  5. Felipe de Edimburgo, conducindo aos 97 anos
  6. A fortuna de Isabel II

70 anos no trono dan para moito, tamén escándalos, e o reinado de Isabel II non foi menos. A raíña, falecida na tarde desta quinta feira canda a súa familia no castelo de Balmoral (Escocia), pasará á historia como a segunda monarca máis lonxeva de todos os tempos e cun historial que inclúe luces e sombras.

A polémica con Lady Di

O matrimonio do seu fillo maior, Carlos —quen será proclamado novo rei—, con Diana Spencer, quen pasou a ser coñecida para a opinión pública como Lady Di, espertou un grande interese no país ao ser ela unha personaxe moi querida.

Porén, a súa separación en 1992 e a publicación nese mesmo ano do libro Diana: Unha historia real —obra de Andrew Morton— dinamitou os piares da Casa Real ao coñecerse as súas infidelidades con Camilla Shand, con quen Carlos finalmente casou e quen agora será raíña consorte. A tensa relación entre Isabel II e Lady Di provocou que boa parte da sociedade inglesa culpase a Coroa do accidente mortal que acabou coa vida da ex princesa de Gales cando fuxía dos paparazzi.

O "racismo" da Casa Real con Meghan Markle

O casamento de Harry, neto de Isabel II, coa actriz estadounidense Meghan Markle non gustou a boa parte da familia real. Segundo desvelou o matrimonio o pasado ano nunha entrevista televisiva, en Buckingham criticaban Markle e tiñan "preocupacións e conversas" sobre "como de escura sería a pel de Archie [o fillo de Harry e Meghan]" antes xa do seu nacemento. Ambos os dous decidiron finalmente renunciar aos seus dereitos monárquicos.

'Harry o nazi'

Anos antes de casar con Markle, o príncipe Harry foi noticia en todo o mundo após publicar o xornal The Sun unha fotografía súa na que aparecía cun disfrace de nazi cando tiña 20 anos. O medio titulou na capa 'Harry o nazi' e o príncipe recoñeceu finalmente o "erro" de escoller esa vestimenta.

Harry, fotografado vestido de nazi. (Foto: BBC)
Harry, fotografado vestido de nazi. (Foto: BBC)

Harry, ademais, foi coñecido durante anos pola prensa británica por mor dos seus "excesos" coa festa e a bebida. Chegou a asistir a unha terapia de rehabilitación.

Acusacións de abusos sexuais ao príncipe Andrew

O príncipe Andrew, outro dos fillos de Isabel II, protagonizou un escándalo de abusos sexuais após afirmar Virginia Roberts Giuffre, de 38 anos, que o membro da Casa Real abusara sexualmente dela cando era adolescente en "múltiples ocasións" durante o ano 2001, algo que el sempre negou.

Felipe de Edimburgo, conducindo aos 97 anos

O rei consorte e duque de Edimburgo, Filipe, finado o pasado ano, causou polémica en 2019 após sufrir un aparatoso accidente de tráfico cando conducía, aos 97 anos de idade, un Land Rover de grandes proporcións. Non houbo vítimas mortais malia bater contra outro vehículo no que viaxaban dúas mulleres e unha bebé.

A fortuna de Isabel II

Sempre se polemizou no Reino Unido sobre a fortuna da monarca, cuxo patrimonio superaría os 450 millóns de euros. Aliás, o seu nome apareceu vencellado aos 'Papeis do Paraíso', que revelaron investimentos de personalidades de todo o mundo en sociedades radicadas nas Illas Caimán.

Comentarios