Reino Unido

Carlos III será proclamado novo rei de Reino Unido este sábado

Hoxe reunirase en Londres con Liz Truus e ofrecerá o seu primeiro discurso como monarca. Nese instante comezará o loito pola raíña.
O até de agora Príncipe de Gales escolleu reinar baixo o nome de Carlos III. (Foto: Matthew Horwood / PA Wire / dpa).
photo_camera O até de agora Príncipe de Gales escolleu reinar baixo o nome de Carlos III. (Foto: Matthew Horwood / PA Wire / dpa).

O até de agora príncipe de Gales será proclamado formalmente como rei de Reino Unido tras o falecemento esta pasada quinta feira de Isabel II aos 96 anos, se ben, a morte de súa nai xa o elevou no momento ao posto ao ser o primeiro na liña sucesora ao trono.

Carlos III, que esta sexta feira dará o seu primeiro discurso oficial, televisado para toda a nación, será proclamado rei nunha cerimonia que terá lugar no Palacio de St. James de Londres fronte a un organismo cerimonial coñecido como o Consello de Acceso.

Será entón cando se anuncie a morte de Isabel II e se lea unha proclamación tradicional. A seguir, Carlos III participará nunha segunda reunión na que realizará unha declaración e xurará preservar a Igrexa de Escocia, tras o que será proclamado rei.

Consello de Acceso

A reunión do Consello de Acceso adoita ter lugar nun prazo de 24 horas despois da morte dun soberano, mais nesta ocasión decorrerá con certa demora debido a que o falecemento de Isabel II non foi anunciado até onte á tardiña, o que non deixou tempo para activar os plans esta mesma xornada.

O organismo conta na actualidade como máis de 700 integrantes, aínda que só serán convocados arredor de 200, tal e como informou o diario británico The Mirror. O Consello de Acceso está dividido en dúas partes e presidido por un presidente, cargo para o que foi nomeada Penny Mordaunt, a presidenta da Cámara dos Comúns.

Loito de sete días

O Palacio de Buckingham anunciou o inicio dun período de loito que se estenderá até sete días despois do funeral da monarca, sen que polo momento transcendese cando podería ter lugar.

"Tras a morte da súa Maxestade a raíña, é desexo da súa Maxestade o rei que o período de loito se respecte desde agora até sete días despois do funeral da raíña. A data do funeral será confirmada no seu debido momento", sinalou, antes de agregar que este loito "será respectado por membros da familia real, o persoal da Casa Real e os representantes da Casa Real en tarefas oficiais, así como polas tropas en tarefas cerimoniais".

Comentarios