Llarena podería forzar Montoro a un careo co xefe da UCO sobre a malversación de Puigdemont

Continúa a presión do xuíz do Supremo sobre o ministro de Facenda. Montoro ten debilitado a acusación contra Puigdemont por malversación ao afirmar que non se destinou nen un euro público á realización do referendo do 1 de outubro. A tese da Garda Civil, en troca, respalda Llarena. O xuíz estuda un careo entre o ministro e o xefe da UCO.

O Ministerio de Facenda non cede no seu confronto co xuíz Llarena e reafirma que non se utilizaron caudais públicos na organización da consulta do 1-O. A posición de Montoro resta forza á demanda española de extradición de Puigdemont por malversación, o que claramente ten producido unha forte irritación ao xuíz do Tribunal Supremo.

Llarena outorga máis credibilidade ao informe da OCU -a Unidade Central Operativa da Garda Civil- do que ás afirmacións do ministro Montoro, o que abre unha crise institucional entre o poder xudicial e o executivo sen moitos precedentes. O corpo militar cifra en por volta de 2 millóns de euros o diñeiro público pretensamente empregado pola Generalitat no financiamento do 1-O.

Que houbese malversación de fondos públicos sería tanto como unha desautorización da xestión de Montoro, pois a facenda da Generalitat está intervida polo estado desde setembro de 2017. Dito doutro xeito, o responsábel último do hipotético desvío de partidas orzamentais ao referendo sería o Ministerio de Facenda español por falta de dilixencia no control das contas do Govern.

Esta semana, após Montoro referendar que non houbo financiamento público no referendo do 1-O, o xuíz Llarena dirixiuse ao ministro para que lle comunicase en que se basea para afirmar que non existen probas do uso inadecuado de caudais públicos. Facenda estuda entregar todas as facturas da Generalitat desde 2015 para sustentar a tese de Montoro.

Fontes xurídicas dixeron á SER que no caso de as explicacións de Montoro non convenceren Llarena, o xuíz barallaría a hipótese de submeter o ministro a un careo co xefe da OCU.
 

Comentarios