O xuíz francés pon en liberdade Josu Urrutikoetxea

Detido o pasado 16 de maio por efectivos da policía francesa, o Xulgado de Apelación de París estudou esta cuarta feira a petición da súa defensa. O tribunal ordenou a súa posta en liberdade, baixo control xudicial.

Josu Urrutikoetxea.
photo_camera Josu Urrutikoetxea [Foto: Naiz]

A decisión do Xulgado de Apelación de París prodúcese aos poucos días de trascender que de acordo co xuíz da Audiencia Nacional española, Ismael Moreno, existen suficientes indicios para proceder contra Urrutikoetxea polo atentado contra a Comandancia da Garda Civil de Zaragoza, o 11 de decembro de 1987.

O dirixente de ETA, que aos seus 69 anos lida cun cancro, terá que entregar o pasaporte, non poderá saír do país e deberá presentarse unha vez ao mes nunha comisaría parisina.

A defensa de Urrutikoetxa alegou motivos médicos —ten que ser intervido cirurxicamente a consecuencia da súa enfermidade—para demandar a súa excarceración. 

Días antes de se reunir o Xulgado de Apelación, tres expertos en resolucións de conflitos pediron a liberación do ex parlamentar de Euskal Herritarrok nun artigo en Le Monde.

Andy Carl, Véronique Dudouet e Jean-Marie Muller poñen en valor o rol xogado por Urrutikoetxea nas "negociacións de paz destinadas a pór fin ao conflito vasco", conversas que tiveron como sede Arxel, Xenebra e Oslo.

"Cremos que a criminalización de quen ten levado a cabo unha transición desde a loita violenta até a loita política pacífica é problemática do ponto de vista ético e estratexicamente resulta contraproducente", afirman.

Comentarios