Lembras Leyla Zana? Pois volveuno facer

Esta curda foi a primeira muller deputada no Parlamento turco, onde por pronunciar un discurso na lingua do seu pobo foi inhabilitada e presa durante unha década. 25 anos despois, Leyla, eleita parlamentar por HDP, volveuno facer: falar curdo na Cámara. 

Zana curda

Leyla Zana é un símbolo no movemento curdo de Turquía. Nada en 1961, con apenas 30 anos foi eleita a primeira muller deputada da República de Turquía. Tres anos despois daquela elección, a Zana retirábaselle a inmunidade parlamentar por pronunciar parte dun discurso en curdo. Aliás, levaba as tres cores nacionais curdas (vermello, verde e amarelo), facendo así unha cominación prohibida en Turquía. E, por riba, o seu discurso falaba da necesidade de acadar a irmandade entre os pobos curdo e turco. Para Ankara non existe ningún pobo curdo pois en Turquía todo é pobo turco. Leyla Zana foi perseguida política e xudicialmente e acabou en prisión, onde permaneceu durante 10 anos.

Nas eleccións do pasado 1 de novembro Zana foi electa deputada nas listas do HDP, o Partido Democrático do Pobo, a formación de esquerdas e pro-curda vista por Ankara como todo un perigo político. Esta terza feira Zana tiña que xurar o cargo. E volveuno facer, parcialmente, en lingua curda, e para se referir “aos pobos” que hai en Turquía e non “á gran nación Turca”, como é imperativo na toma de posesión. As autoridades non aceptaron o seu xuramento e pedíronlle que volvese repetir o procedemento. A deputada curda negouse e a Cámara estuda agora se desposuíla do escano que logrou democráticamente nas eleccións.

HDP obtivo máis de 5 millóns de votos e 59 escanos nunhas eleccións nas que observadores internacionais denunciaron numerosas irregularidades para favorecer o gobernante e confesional AKP.


Información tirada de 'Kuriscat'

Comentarios