Rusia e os Estados Unidos pactan pór fin "o antes posíbel" á guerra en Ucraína
Na primeira reunión de alto nivel entre Rusia e os Estados Unidos desde xaneiro de 2022, un mes antes do inicio da invasión rusa de Ucraína, ambos os países acordaron a terza feira en Riad, a capital de Arabia Saudita, designar os equipos “para comezar a traballar nun camiño para rematar co conflito en Ucraína o antes posíbel dunha maneira duradeira, sostíbel e aceptábel para todas as partes”, indicou Tammy Bruce, voceira do Departamento de Estado estadounidense.
Na xuntanza, na que participaron o secretario de Estado, Marco Rubio, o asesor de Seguridade Nacional, Mike Waltz, e o enviado especial, Steve Witkoff, por parte de Washington, e o ministro de Asuntos Exteriores, Sergei Lavrov, e o asesor do Kremlin, Yuri Ushakov, por parte de Moscova, tamén se pactou estabelecer “as bases para a futura cooperación en asuntos de interese xeopolítico mutuo e en oportunidades económicas e de investimento históricas” derivadas dun “final con éxito do conflito”, detallou Bruce.
En paralelo, fixouse un “mecanismo de consulta” co fin de tratar as “cuestións irritantes da nosa relación bilateral”, co obxectivo de avanzar en dirección á “normalización”. Todo isto co compromiso ruso e estadounidense de “asegurarse de que o proceso avance de maneira oportuna e produtiva”, sinalou.
Ushakov explicou que, logo de catro horas e media de reunión, “aínda é difícil falar dun achegamento entre as posicións de Moscova e Washington”, mais “acordaron ter en conta os intereses do outro” e abordáronse “todas as cuestións que queríamos tocar”, apuntou.
A pesar de que a axencia Bloomberg difundiu que o presidente ruso, Vladimir Putin, e o seu homólogo estadounidense, Donald Trump, poderían reunirse a vindeira semana, Ushakov o cualificou de “pouco probábel”, posto que, malia que iso foi tratado no cumio, as delegacións “teñen moito traballo por facer” antes.
Ademais, tamén se produciu un entendemento á hora de restaurar o persoal diplomático no outro país e iniciar o proceso para debater sobre as sancións a Moscova, nunhas conversas “útiles e construtivas”, afirmou Lavrov, mentres que Rubio comunicou que está “convencido” da disposición rusa para desenvolver un “proceso serio” que leve ao final da guerra, despois do “primeiro paso dunha viaxe longa e difícil”.
Un acordo "aceptábel" para Kíiv e Bruxelas
Ao respecto da reclamación da Unión Europea (UE), que como Ucraína non foi convidada á reunión, de formar parte das negociacións, que foi desbotada por outros membros do equipo de Trump, Rubio certificou que “vai ter que estar na mesa nalgún momento posto que eles tamén teñen sancións que se impuxeron”, e aseverou que calquera acordo ten que ser “aceptábel” tamén para Bruxelas e Kíiv.
24 horas antes, Alemaña, Dinamarca, Francia, o Estado español, Italia, o Reino Unido, os Países Baixos, Polonia e a UE non foron quen de coordinar unha estratexia tras a viraxe de Washington, que segundo defenderon algúns deles debería incluír o envío de tropas a territorio ucraíno após rubricarse a paz.
Nun encontro co enviado estadounidense para Ucraína, Keith Kellogg, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, insistiulle a terza feira en que o bloque comunitario debe estar na mesa de negociación. “Desde o punto de vista financeiro e militar, Europa [pola UE] achegou máis que ninguén, e daremos un paso adiante”, reivindicou von der Leyen, amosando a vontade de Bruxelas de “colaborar cos Estados Unidos para lograr unha paz xusta e duradeira”.
A despregadura de soldados en Ucraína dos membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) “non pode ser permitido e non é aceptábel”, sentenciou Lavrov, que fixo fincapé en que “non cambia nada” a bandeira baixo a que aparezan, ademais de reiterar que o potencial ingreso de Kíiv na alianza militar controlada por Washington foi a “causa raíz” da invasión rusa, pois supón “unha ameaza directa para a soberanía e intereses de Rusia”. O país americano xa deixou entrever que non aceptará a entrada de Ucraína na OTAN.
A voceira de Exteriores rusa, Maria Zakharova, delimitou que unha simple negativa da OTAN a aceptar Kíiv non é dabondo, e debe eliminar o compromiso de 2008 co país eslavo de que acabará por adherirse. Asemade, en alusión ao resto da OTAN, incidiu en que toman “nota da reacción nerviosa de Occidente ante a histeria que están a provocar os contactos ruso-estadounidenses”.
Aval ruso á entrada de Ucraína na UE
Outra cousa é o que atinxe á UE. O portavoz do Kremlin, Dmitri Peskov, ratificou que non teñen nada en contra da adhesión de Kíiv, algo que forma parte do seu “dereito soberano” e do ámbito de “procesos de integración económica, ante o que ninguén pode ditar nada a outro país”. Non obstante, explica que a negativa á entrada de Kíiv na OTAN débese á súa “relación con asuntos de seguridade, alianzas defensivas e militares”. As negociacións de adhesión a Bruxelas comezaron en 2024, despois de que dous anos antes Ucraína recibira o status de candidato.
O voceiro lembrou que Putin reiterou que, “en caso de necesidade”, negociaría co presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, a pesar das dúbidas sobre a súa “lexitimidade”, en referencia á fin do seu mandato en maio de 2024, estendido pola imposibilidade de convocar eleccións durante o conflito bélico. Tamén Trump se fixo eco do asunto, pormenorizando que as cifras nas enquisas de Zelenski “non son fantásticas” e suxerindo que o país debe ir ás urnas cando rematen as hostilidades.
Desde Turquía, onde se reuniu co seu líder, Recep Tayyip Erdogan, Zelenski volveu criticar a reunión en Riad, insistindo en que unha negociación “xusta” debe incluír o país, a UE, o Reino Unido e Turquía.
Zelenski admite que sen Washington teñen poucas opcións de "sobrevivir"
Sen as armas dos Estados Unidos Ucraína “terá baixas posibilidades de sobrevivir”, recoñeceu o mandatario ucraíno Volodimir Zelenski, que está nunha pugna para evitar que Washington force o país a aceptar un acordo de paz con Rusia desfavorábel para os seus intereses. Con anterioridade, remarcara que incluso co apoio da UE calquera garantía de seguridade que lle ofrecesen non sería críbel sen o país americano. De non ter acceso á súa axuda, os militares ucraínos durarán “seis meses”, adiantou Ihor Romanenko, ex líder adxunto do Estado Maior das Forzas Armadas de Kíiv.
No tocante a unha hipotética misión de países europeos en territorio ucraíno para garantir o cumprimento dun acordo de paz, estes estados “non teñen esta masa neste momento a menos que debiliten a súa propia defensa ou a defensa planificada do [mar] Báltico”, e non contan con varias capacidades clave, debullou Claudia Major, analista da alemá Fundación de Ciencias e Política, que estima serían precisos entre 40.000 e 150.000 soldados, amais dos militares ucraínos.
Á vez, Mark Lyall Grant, asesor de seguridade do Reino Unido no primeiro mandato de Trump, entre 2017 e 2021, transmitiu que “non estou seguro de que calquera garantía de seguridade sexa 100% críbel contra un Putin agresivo e nacionalista a menos que involucre os estadounidenses dalgunha maneira”, o que tamén admitiu Londres e que Washington rexeitou, outorgando esa responsabilidade a “tropas europeas e non europeas capaces”.

