Rusia abre a porta ás relacións cos Estados Unidos: "Agora falaremos de paz, non de guerra"
O ton da conversación telefónica que os líderes de Rusia e dos EUA, Vladimir Putin e Donald Trump, mantiveron esta semana foi "construtivo, operativo, e amigábel" por ambas as partes, revelou este domingo o portavoz presidencial ruso, Dmitri Peskov, nunha entrevista co xornalista Pavel Zarubin.
O voceiro destacou que o diálogo dos presidentes ruso e estadounidense, que se prolongou por un espazo de hora e media, estivo marcado pola actitude construtiva que mostraron ambos e pola boa vontade, o que, segundo el, demostra que agora Moscova e Washington están dispostos a centrarse na resolución do conflito ucraíno.
Segundo Peskov, a diferenza da Administración do ex presidente dos Estados Unidos de América, Joe Biden, remisa a manter calquera tipo diálogo con Rusia, o equipo actual de Trump está disposto a traballar de maneira eficaz para mellorar as relacións bilaterais.
"É un claro sinal de que agora tentaremos resolver os problemas mediante o diálogo. E agora falaremos de paz, non de guerra. Porque, que pasou coa Administración anterior? Nada de diálogo, a guerra até o final, esa era a posición oficial", lamentou o portavoz do Kremlin.
Con todo, "a xulgar polas declaracións do presidente Trump", a súa Administración planea resolver os problemas a través do diálogo, estimou Peskov. "Tal posición, en teoría, para calquera persoa ou estado razoábel debería parecer máis agradábel", engadiu o representante de Moscova.
Un cara a cara no horizonte
Sobre a posibilidade de que Trump e Putin se reúnan proximamente, Peskov dixo que se os EUA e Rusia dialogasen e mantivesen relacións bilaterais "normais", isto requiriría menos preparación, aínda que, en calquera caso, unha reunión de tal alto nivel require "esforzos especiais". "Dado que estamos a falar do primeiro contacto potencial entre os dous xefes de Estado nas circunstancias actuais, por suposto, esta reunión adquire un significado especial", acrecentou o voceiro.
Outra dificultade engadida radica en que case todos o funcionariado ruso se atopa baixo sancións impostas por parte de Washington, algo que complica que unha delegación rusa faga unha visita oficial aos EUA. Con todo, Peskov dixo que se trata dunha cuestión de vontade dos dirixentes estadounidenses xa que, segundo afirmou, poderían eliminar tales obstáculos en calquera momento.
"[O paquete de sancións] pode introducirse rapidamente, así como anularse se se desexa. Unha sanción é unha cousa así, especialmente cando a levan a cabo os estadounidenses; pode ser rápida, pode ser longa, mais todo é posíbel se se desexa", subliñou o portavoz do Kremlin.
Neste sentido, sinalou que Trump pode visitar Rusia cando queira. Preguntado sobre se o mandatario estadounidense podería participar en eventos conmemorativos do 80 aniversario da vitoria sobre a Alemaña nazi na Gran Guerra Patria (1941-1945), como se coñece á participación da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (URSS) na Segunda Guerra Mundial, Peskov asegurou que o presidente Putin estará encantado de recibir a todos os xefes de Estado do mundo que estean dispostos a compartir con Rusia "a alegría e o orgullo deste día".
"Chegou a hora do pragmatismo"
Por outra parte, Peskov asegurou que Rusia acumulou suficiente experiencia de anos pasados como para non volver caer nas "mentiras" dos políticos occidentais se tentan enganala de novo. Así, indicou que "o período romántico acabouse" e "chegou a hora do pragmatismo". "A hora de basearnos na experiencia dos anos pasados", agregou.
Tras lembrar que, ao longo destes anos, Rusia acumulou unha sólida experiencia sobre como defender os seus intereses sen caer "presa de falsas promesas", asegurou que o Goberno ruso vai apoiarse nesas leccións "para mellorar as súas posicións no futuro".
"Se a chanceler de Alemaña [Angela Merkel], que xa se fixo a un lado, que xa non é responsábel do estado das cousas, di que 'non iamos cumprir nada [en referencia aos acordos de Minsk para o cesamento de hostilidades en Ucraína], que necesitabamos gañar tempo', seica isto non é un engano? En ruso, é un engano", explicou Peskov.
"Isto simplemente tiña que ser así e converteuse noutra lección para nós, outra experiencia que nos axudará no futuro para defender os nosos intereses da mellor maneira posíbel", resumiu, agregando que "aquí non hai que darse por ofendido", senón aproveitar esa experiencia.
O voceiro do Kremlin tamén explicou que, tras o rexeitamento por parte de Ucraína dos acordos de Istambul, Moscova terá en conta a falta de vontade por parte de Volodimir Zelenski á hora de responder polas súas palabras, así como o seu "déficit de soberanía". "Chegas á conclusión de que este país, probabelmente, non é tan capaz de responder polas súas palabras. E cada vez é necesario facer un certo axuste, á hora de negociar con eles, polo seu déficit de soberanía e o déficit de confianza depositada neles, que xa non vai desaparecer", concluíu Peskov.


