Catalunya

Junts fixa en case medio billón de euros a débeda do Estado con Catalunya

Tamén se solicita transferir as competencias tributarias para poder deseñar unha cota de solidariedade entre Catalunya e o Estado español.
Carles Puigdemont. (Foto: Europa Press)
photo_camera Carles Puigdemont. (Foto: Europa Press)

A forza catalá Junts, que xunta Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e as formacións soberanistas de Euskadi e a Galiza son imprescindíbeis para que o presidente español en funcións, Pedro Sánchez (PSOE), poida ser reelixido no Congreso, estimou esta cuarta feira en 450.000 millóns de euros a “débeda histórica do Estado español con Catalunya”.

Como parte das conclusións de Junts, o partido do ex presidente catalán Carles Puigdemont, na Comisión de Estudo sobre a Débeda Histórica do Estado con Catalunya no lexislativo catalán, cífranse en 375.000 millóns de euros o déficit en materia social, 50.900 millóns en infraestrutura e 30.000 millóns en pensións por mor do “infrafinanciamento”.

Para comezar a reducir este importe, instou Madrid a condonar a débeda do Fondo de Liquidez Autonómico e compensar polos orzamentos en infraestruturas que non se materializaron durante os mandatos de Sánchez, amais de reclamar o traspaso a Barcelona das competencias da Axencia Tributaria, o que lle permitiría recadar os impostos no país e deseñar “unha cota de solidariedade entre Catalunya como nación e o Estado español”.

Tamén aborda a creación dunha Axencia de Seguridade Social catalá logo da transferencia de reservas financeiras para as pensións e propón que o Estado ceda 19% dos fondos da Unión Europea Next Generation.

Amnistía

Desde ERC, o seu presidente, Oriol Junqueras, reiterou que o acordo para que Francina Armengol (PSOE) se fixese coa Presidencia do Congreso xa inclúe a aceptación dunha lei de amnistía ás e aos independentistas catalás represaliados polo Estado, ao asinar o partido estatal un compromiso para “pór fin á represión por todas as vías legais necesarias”, e ratificou que ademais deste punto as “prioridades” na negociación para apoiar Sánchez son a autodeterminación e pactos a nivel económico e social que beneficien a maioría da cidadanía catalá.

Pola súa parte, o ministro Miquel Iceta (PSOE), aseverou que “ese papel di o que di e non di o que non di”, insistindo en que non se menciona de forma explícita a amnistía. A súa posición foi corroborada pola vicepresidenta segunda e líder de Sumar, Yolanda Díaz, que negou a existencia dun acordo arredor deste asunto.

En paralelo, a titular de Dereitos Sociais e Axenda 2030 e secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra, afirmou que “quen ten que dar explicacións é o PSOE”, e apoiou unha norma de amnistía, engadindo que é a quenda de Sumar de explicar en que estado se atopa a negociación.

Comentarios