FOTORREPORTAXE

Maio en Amed, a cidade kurda que desafía Turquía

Amed é a capital do Kurdistán sobre o que se estende o Estado turco. É aí onde todo empezou. En Mesopotamia naceron as civilizacións modernas. A cidade ten unha poboación maioritariamente kurda que alcanza as 1.300.000 persoas. "Muller, Terra e Liberdade" é unha das reclamacións que volveron escoitar neste mes de maio.
Manifestación o pasado 1 de Maio. (Foto: Elena Buch)
photo_camera Manifestación o pasado 1 de Maio. (Foto: Elena Buch)

Para quen vén de fóra, a destrución dos edificios na cidade de Amed pode levar a confusión sobre a súa causa, a guerra de 2015 ou o terremoto do ano pasado. Estou en Amed, capital do Kurdistán turco, Diyarbakir no idioma turco, cidade asentada á beira do río Tigris, cunha poboación de 1.300.000 persoas e maioritariamente Kurda. Todas as persoas lembran ben os dous feitos, o terremoto de febreiro de 2023,o máis destrutivo no último século, que fixo caer edificios e segou milleiros de vidas.

Desta destrución saíu á luz unha trama corrupta con implicacións gobernamentais de desvío de fondos e enriquecemento indebido por parte de certos responsábeis da construción de edificios incumprindo os parámetros de seguridade ante seísmos; non cumprilos traduciuse en edificios que non resistiron ao sismo de 7,7 nin ás súas réplicas. A guerra pódese rastrexar na zona histórica da cidade, seguindo os impactos de bala e as casas destruídas ou desaparecidas polos bombardeos.

En 2015 a guerrilla Kurda loitou contra o Goberno turco nestas rúas, cambiando así o seu escenario das montañas de Kandil, neste caso no Kurdistán iraquí, onde loitan principalmente. A identidade Kurda, non recoñecida polo Goberno turco, abrangue catro Estados: a súa poboación en Turquía é de 30.000.000 persoas (no norte do territorio kurdo), son 14.000.000 en Irán e o territorio iraquí está habitado por 7.250.000 persoas. En Siria, a poboación Kurda é de 2.000.000. Hai poboación Kurda na diáspora tamén, principalmente en Rusia, e en países europeos. Un total entre 35 e 45 millóns de persoas, sen censos oficiais, pois non existen.

Control policial a participantes da mobilización. (Foto: Elena Buch)
Control policial a participantes da mobilización. (Foto: Elena Buch)

O pobo Kurdo, perseguido até a extenuación, masacrado en interminábeis guerras ao longo da historia, púxose en pé en 1978, coa fundación do Partido dos Traballadores Kurdos (PKK), hoxe na clandestinidade, pois foi incluído no listado de organizacións terroristas a petición de Turquía en 2004. Os Estados Unidos de América e Europa apoiaron esta catalogación, a pesar de non ter ningún interese ameazado por esta organización.

O PKK naceu en medio dos conflitos entre esquerda e dereita en Turquía, que remataron co golpe de Estado de 1980 e na subseguinte ditadura. O seu fundador, Abdullah Öcalan, fuxiu a Siria en 1979; fundou dous campos en Líbano, onde se instruíu e adestrou a Resistencia Revolucionaria, co apoio do país. Nun principio, coa corrente dos tempos, bebían do marxismo-leninismo, do máis puro socialismo, ao igual que outros países comunistas, Vietnam, Rusia, etc.

Correpresentantes do partido prokurdo DEM na cidade de Amed. (Foto: Elena Buch)
Correpresentantes do partido prokurdo DEM na cidade de Amed. (Foto: Elena Buch)

Co paso do tempo e vendo a evolución destes Estados e das súas correntes de pensamento e vitais, o PKK foi deixando de lado estes principios e abrazando novos como o Confederalismo Democrático e o ecoloxismo, baseados na ideoloxía do ecoanarquista Murray Bookchin. Queren o recoñecemento da cultura Kurda, da súa lingua, o respecto das súas tradicións, o dereito á súa autonomía. Nada que Turquía se abra a aceptar, e aquilo que se esforza en reprimir coa creación dun Estado policial en que viven as persoas Kurdas no Kurdistán turco. Tanquetas policiais presentes todos os días nas rúas, exército fortemente armado nos check-points de entrada e de saída de todas as cidades... recordan que o conflito non é lonxano, que a guerra está presente.

Todas as persoas Kurdas, teñan a idade que teñan, están relacionadas co conflicto: as de idade máis avanzada sufriron detencións e torturas en prisión pola súa militancia na guerrilla ou no partido oficial, as máis novas teñen irmáns que se uniron ás guerrillas, principalmente en Siria, outras son familia de mártires... O conflito armado esténdese desde o ano 1978, pasou por diferentes períodos, algunhas treguas, novos inimigos, como o Estado Islámico.

Muller Kurda posa para a foto coa rosa e o pano tradicionais Kurdos, que representan os seus valores e forza. (Foto: Elena Buch)
Muller Kurda posa para a foto coa rosa e o pano tradicionais Kurdos, que representan os seus valores e forza. (Foto: Elena Buch)

A educación e a formación -que durante tempo lles foi negada- confire unha das características principais do pobo kurdo; a día de hoxe dedican boa parte dos seus proxectos á difusión da súa cultura, desde o idioma, que segue a estar prohibido nas escolas, á música, o canto e os textos, que comezaron a crearse nos anos 80, e abarcan todas as correntes de pensamento que se iniciaron co PKK, agora co Partido Democrático dos Pobos (HDP), a faixa oficial do partido, pendente de que Turquía o ilegalice e as súas militantes sufran detencións e condenas, nunha roda que non se detén; mentres o conflito armado cobrouse xa 40.000 vítimas desde os seus inicios.

Abdullah Öcalan protexeuse en Siria de 1979 a 1998, ano en que o país cedeu ás presións turcas; e comezou un periplo por diferentes territorios, desde Rusia,Italia, Grecia até Kenia, onde finalmente foi detido en 1999 polo Servizo Secreto Turco, en colaboración cos EUA e o Mossad. Neste primeiro ano do seu arresto foi condenado a morte, pena conmutada a cadea perpetua en 2002, cando a pena capital foi abolida en Turquía.

Desde entón, foi mantido en confinamento solitario nun penal turco, situado no Mar de Mármara. Sen acceso a ningún contacto exterior, reducíndose ou negándoselle visitas dos seus avogados, con sospeitas de envelenamento. Declara que non o poden calar, que non hai encerro xa, nin limitación que pare a revolución que xa comezou, que triunfará no Oriente Medio, e que materializará a utopía.

Feminismo no Primeiro de Maio

Pancarta levada o pasado 1 de Maio en Adem co lema 'Muller, Terra e Liberdade'. (Foto: Elena Buch)
Pancarta levada o pasado 1 de Maio en Adem co lema 'Muller, Terra e Liberdade'. (Foto: Elena Buch)

As políticas dos partidos que defenden o Confederalismo son claras en canto a paridade. Sempre hai dúas, correpresentantes, home e muller, sempre, en todas as estruturas de poder, desde as bases até ás estruturas máis elevadas. Yin, Yiyan, Azadi (Muller, Terra e Liberdade) é o seu lema máis significativo, que dá a entender como este pensamento están centrado nas mulleres, na terra e na liberdade. Na foto, o lema empregado nunha das pancartas da manifestación do pasado 1 de Maio en Amed.

Comentarios