Junts per Catalunya celebra congreso en xuño en Catalunua Nord

Jordi Sànchez renuncia a continuar como secretario xeral de Junts per Catalunya

O actual secretario xeral de Junts per Catalunya, Jordi Sànchez, ven de anunciar no marco do consello nacional da súa formación celebrado na xornada de onte en Alacarrás (Lleida) a súa decisión de non continuar á fronte da formación a partir do vindeiro congreso a celebrar a comezos de xuño.

Jordi Sànchez
photo_camera Jordi Sànchez prestado testemuño no tribunal Supremo durante o xuízo do procces, onde foi condenado a 11 anos de cárcere (Foto:Europa Press).

Sánchez explicou a súa renuncia afirmando que “teño a decisión absolutamente tomada para precisamente actuar en coherencia con aquilo que vos pedín, con esta xenerosidade, vontade de sumar e que todos acheguemos o mellor de nós, que o importante non é que posto que se ocupa”

As razóns de Sànchez

O dirixente de Junts reclamou aos seus compañeiros “xenerosidade” e asegurou que “non teño a pretensión de pedir unha lista única e dicir despois a todos que veñades detrás de min”, nunha mensaxe que algúns consideraron dirixida á president do Parlament e candidata de Junts, Laura Borràs

“Iso non vai de axendas persoais, de opcións  personalistas que nos permitan ter supostamente minutos de gloria. Iso vai de facer un proxecto colectivo, forte, de facer un equipo dirixente que dea resposta ás responsabilidades que hoxe o partido ten”, asegurou Sànchez.

O antigo presidente da Asemblea Nacional de Catalunya apostou “por un proxecto colectivo e dun equipo forte que dea resposta ás necesidades que teñen o partido e Catalunya”.

O director do diario El Nacional, José Antich, bo coñecedor do mundo de Junts, indicou nunha editorial do seu xornal que “a renuncia de Jordi  Sànchez a optar á secretaría xeral de Junts per Catalunya no congreso que se celebrará no mes de xuño marca un punto de inflexión moi relevante na formación política independentista”.

As tarefas de Junts

Antich entende que “a  decisión de  Sànchez -inesperada polo momento escollido, previsible pola necesidade de sacar presión á organización- despexa o camiño ao seu substituto ou substituta, pero tamén lle pon tarefas”.

O xornalista considera fundamental de cara ao vindeiro congreso de Junts “unha lista de consenso, un equipo compacto, un rumbo ao partido que non sexa revisábel cada semana por uns ou por outros en función do ruído que haxa e unhas liñas ideolóxicas claras”.

O vindeiro congreso de Junts a celebrar en xuño en Catalunya Nord pode significar, tamén, a renuncia á presidencia da formación do seu impulsor e máximo dirixente, Carles Puigdemont, quen ten anunciado a súa decisión de fixar como prioridade do seu labor político o Consell per la República.

Comentarios