Laura Borràs: "A prisión é a ameaza coa que tentan disuadirnos"

Laura Borràs (1970), ex conselleira de Cultura na Generalitat e ex deputada no Congreso, aspira nas eleccións catalás do 14 de febreiro a ser a primeira muller presidenta de Catalunya, e faino pola candidatura de Junts, após gañar as primarias do partido. As enquisas sitúana acurtando distancias con ERC e o PSC.
Laura Borràs aspira a ser a primeira presidenta da Generalitat (Foto: Kike Rincón / Europa Press)
photo_camera Laura Borràs aspira a ser a primeira presidenta da Generalitat (Foto: Kike Rincón / Europa Press)

Se ERC e Junts queren cogobernar, como farán? As pontes están rotas.

Nunca fun partidaria de romper pontes. Si de facelas. Pensaba que ao ter moitos vínculos con ERC e ao proceder dunha contorna moi próxima a Esquerra, axudaría. Mais a realidade amosa que hai intereses e lóxicas de partidos, e ás persoas que nunca militamos cústanos entender iso. Sobre todo para alguén que non vén do mundo da política e que entra para servir o país e conseguir aquilo que en principio queremos todos os independentistas, para pór o que nos une por riba do que nos separa.

Esta é a miña maneira de facer e  continuará a ser. Non espero ter que reconstruír pontes, porque non fago nada por dinamitalas.

Aragonés di que non hai tantas diferenzas entre Junts e ERC.

Non tería que habelas á hora de querer abordar o obxectivo, que é común. E aquí si que vimos diferenzas. A realidade foi, e é, que a pesar do que se podía pensar, que se os partidos independentistas gobernaban xuntos poderíase avanzar, e non foi así.

Contra a represión do Estado (porque quen confronta é o Estado, e ti decides como reaccionar), nós decidimos facer fronte e non recuar. Outros espazos do independentismo decidiron outras opcións. Este 14-F tamén se dirime a vía.

Por que deixaron que Junts perdese a Artur Mas?

Todo o mundo está alí onde quere estar. Eu teño moi boa relación con el. Hai dous días enviámonos mensaxes. Cada quen decide onde está ou onde pensa que as circunstancias o puxeron.

Programa electoral, non tiñan até hai pouco. Sinal de caos?

Caos? O noso partido político é moi novo. Acabamos o congreso o 4 de outubro, despois tivemos primarias. Cada día houbo mensaxes programáticas e agora temos o programa enteiro.

E cal é, por exemplo, a proposta económica de Junts?

Traballamos dentro da transversalidade. Foi un exercicio moi complicado. Cando dicimos que priorizamos aquilo que nos une daquilo que nos separa, quere dicir que temos un abano ideolóxico moi amplo. Incorporar xente que vén de ERC, dos socialistas, Iniciativa, Independentistes d’Esquerra, Acció per la República, Demòcrates, Reagrupament... é un elemento de riqueza e transversalidade.

Non pretendemos disimular que isto crea tensións en segundo que áreas, como as fiscais e económicas, pero tamén suscita debates moi ricos. Ver falar do imposto de sucesións Toni Comín e Joan Canadell é un exercicio moi interesante.

Na campaña sae a debate a súa investigación xudicial. Xa contaban con iso mais, aínda así, decidiron seguir adiante. Por que?

Porque non hai causa. Houbo unha vulneración sistemática de dereitos. En España non se mantén a presunción de inocencia e nisto hai un fondo político.

Manteño e sosteño a miña inocencia, dei explicacións sempre (en sede parlamentar, aquí e no Congreso, de maneira voluntaria, ante medios), a pesar de que quixeron que a comisión for secreta. É unha forma de represión: que che poñan unha soga ao pescozo, como é o caso, paraliza. O medo pode paralizar. Que apareza en campaña só é unha maneira de aproveitar o xogo sucio do Estado.

Pode acabar en prisión.

A prisión é a ameaza coa que tentan disuadirnos. Non teño ningún tipo de dúbida de que se tivese optado por apartarme, xa non habería caso e agora non estaría pasando por este calvario, nin eu nin a miña familia. Pero se me apartase estaría indo en contra da miña coherencia. Se me apartase para salvarme, estaría dando a razón a quen aposta por continuar reprimindo.

Referendo acordado, si ou non?

Lembramos o 'referendo ou referendo'? Porque era isto: ou referendo acordado ou referendo. O referendo fixémolo o 1 de outubro. Para nós ten un valor político. Agora ben, abordamos a saída tendo todas as opcións abertas. Se un día espertásemonos e descubrísemos que España é un Estado máis democrático, realizariamos un 'Cameron' [referendo acordado].

Nós mantemos a vía de negociación co Estado español aberta, como mantemos a vía da amnistía, a pesar de pensar que non irá adiante, porque o Estado español desbota o dereito. Ou temos que deixar de facer evidente a posibilidade do referendo acordado porque sabemos que o Estado non o aceptará? Non.

Ante a intransixencia do Estado, é perfectamente lexítima a unilateralidade. Pero quere isto dicir que non temos aberta a vía co Estado? Non. Mantémolas todas abertas.

Comentarios