Que papel xoga a UE en Palestina?

Os ministros de Exteriores da UE reuníronse onte para abordar os últimos acontecementos no conflito israelí-palestino e valorar como usar a súa influencia política de cara a un cesamento do fogo. Influencia que como bloque é mínima en comparación con outros actores, malia ser o principal socio comercial de Israel. 
EuropaPress_3718762_18_may_2021_israel_jerusalem_israeli_security_forces_arrest_protester
photo_camera As forzas de seguridade israelís deteñen un manifestante, onte na Cidade Vella de Xerusalén (Foto: Ilia Yefimovich / dpa)

Petición de cesamento do fogo e necesidade dunha solución política. Nin a esas dúas vagas conclusións, tras o bloqueo de Hungría, foron quen de chegar os ministros de Exteriores dos 27 Estados membros da UE na xuntanza que mantiveron onte para abordar os últimos acontecementos no conflito israelí-palestino. Ningunha decisión en firme a respecto de ameazas de sancións ou outras medidas, a pesar de a UE ser o maior socio comercial de Israel (29,3% das súas exportacións en 2020, segundo datos da Comisión).

Nas últimas horas, Israel retomou os ataques aéreos sobre o territorio de Gaza, tras unha noite ─a primeira desde que comezaron os bombardeos─ sen vítimas mortais. Polo menos 212 palestinos, incluídos 61 menores, faleceron desde o inicio da resposta militar israelí; ademais, arredor de 1.400 persoas resultaron feridas, segundo o Ministerio de Sanidade de Gaza. 

Tamén faleceron dez israelís, incluído un meniño de 5 anos, a consecuencia dos morteiros lanzados por Hamas e Jihad Islámica. Os foguetes disparados desde Gaza provocaron nas últimas horas a morte de dous traballadores tailandeses en Israel, e feridas a outros sete nunha fábrica de embalaxe, segundo informou onte o xornal israelí Haaretz

Ademais, a canle de TV árabe Al Jazeera apuntou que o Exército de Israel atacara posicións no Líbano en resposta ao lanzamento falido de seis foguetes desde a zona sur do país veciño. 

EUA, Rusia, Alemaña

Mais que espazo queda para a diplomacia? Os analistas internacionais apuntan que Israel non cesará a ofensiva até completar a destrución da infraestrutura de Hamas e do resto de milicias. O propio primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, así se pronunciou esta semana: "Estamos a actuar, polo tempo que sexa necesario, para restaurar a calma... Levará tempo".

Desde os EUA, o presidente do país, Joe Biden, mantivo nas últimas horas a terceira conversa telefónica con Netanyahu. Por vez primeira, expresou a necesidade do cesamento do fogo, "aínda que non chegou a pedir o completo cesamento da violencia, algo polo que algúns membros do Partido Demócrata presionan a Biden para que faga", recolleu CNN.

Tamén Rusia ─un dos integrantes do Cuarteto para Oriente Próximo canda aos EUA, a UE e a ONU─ considerou por boca do seu presidente, Vladimir Putin, que era unha obriga o "cesamento da violencia de ambos os dous lados e a procura activa da solución baseándose nas resolucións correspondentes do Consello de Seguridade da ONU", recolleu onte a axencia estatal Sputnik.

Ao seu ronsel, Alemaña pediu tamén onte un cesamento no enfrontamento armado entre Israel e Hamas. Fíxoo a través do seu ministro de Exteriores, Heiko Maas, que antes de entrar á xuntanza cos seus colegas comunitarios colgou un vídeo nas redes sociais, onde tamén anunciou unha partida de 40 millóns de euros en axuda humanitaria para a poboación civil de Gaza.

Propalestinos vs proisraelís

Porén, Alemaña ─que aínda carga sobre as súas costas co sentimento de culpa polos crimes cometidos durante o Terceiro Reich─ é un dos Estados da UE máis remisos a valorar algún tipo de acción coercitiva contra Israel. 

Nesta liña estarían países como Austria, Chipre, Grecia, Hungría e República Checa. O Goberno austríaco mesmo pendurou unha bandeira israelí na súa sede.

Nos últimos anos, Netanyahu logrou estabelecer relacións máis estreitas coa maioría dos países do Grupo de Visegrado (Chequia, Eslovaquia, Hungría e Polonia), co ex presidente dos EUA, Donald Trump, actuando de alcaiote. Os Gobernos checo, húngaro e mais o de Romanía bloquearon unha declaración da UE criticando a decisión do Goberno de Trump cando en decembro de 2017 recoñeceu Xerusalén como capital de Israel. Isto malia as acusacións internas nestes países de antisemitismo.

Da outra banda estarían Estados como Bélxica, Finlandia, Irlanda, Luxemburgo e Malta, que mostraron tanto agora como no pasado un firme compromiso para que a UE teña un papel máis activo en apoio do estabelecemento do Estado palestino.

A UE como bloque oficialmente defende a solución dos dous Estados e o cumprimento das resolucións da ONU sobre o conflito. Porén, a división tamén é patente entre os máximos representantes das súas institucións. O responsábel da diplomacia comunitaria, Josep Borrell ─que presidiu a reunión por videoconferencia de onte─ emitiu a semana pasada un comunicado manifestando a "consternación" da UE polo número de civís mortos. 

Poucas horas despois, a presidenta da Comisión en que está integrado Borrell, a alemá Ursula von der Leyen, manifestaba a súa "preocupación" pola situación e censuraba os "indiscriminados" ataques de Hamas contra Israel. 

Quen fala con Hamas?

A UE, que é un dos máximos doadores de axuda humanitaria a Palestina, semella conformarse co papel de reconstrutor, na liña do anunciado onte por Alemaña. 

Israel, pola súa banda, confía na condena explícita de Hamas neste xogo manifestos. A UE ─ao igual que os EUA─ inclúea na súa lista de organizacións terroristas. Situación que complica a diplomacia directa. É por iso que Qatar ou Exipto, que manteñen relacións tanto con Israel como con Hamas, son os principais mediadores na actualidade. 

Ademais, calquera decisión da UE sobre o conflito israelí-palestino debe ser adoptada por unanimidade dos 27 Estados membros. 

Amplo seguimento á folga xeral de 24 horas en Palestina

Negocios, institucións e centros educativos de Gaza, de Cisxordania, de Xerusalén Leste e de vilas e cidades "mixtas" dentro de Israel permaneceron onte fechadas en seguimento da folga xeral de 24 horas convocada para protestar contra a ocupación e o bombardeo israelí do enclave baixo bloqueo.

O paro convocado por sindicatos e organizacións civís ─amplamente seguido, segundo Al Jazeera─  contou co apoio das dúas principais formacións políticas, Hamas, que goberna en Gaza, e Fatah, que o fai na Autoridade Palestina, así como doutros partidos. O Alto Comité de Acompañamento para a Cidadanía Árabe de Israel ─órgano representativo desta comunidade que representa arredor de 20% dos habitantes de Israel─ chamou a secundar a folga tanto dentro das fronteiras como a nivel internacional, recolleu a axencia palestina WAFA

Comentarios