Novo ataque de Israel á poboación palestina na mesquita de Al Aqsa, en Xerusalén

Nas últimas semanas, Al Aqsa, o terceiro lugar máis sagrado para o Islam, converteuse nun dos maiores puntos de conflito.
Concentración da poboación palestina o pasado 29 de abril ás portas de Al Aqsa. (Foto: Jeries Bssier / APA Images via ZUM / DPA)
photo_camera Concentración da poboación palestina o pasado 29 de abril ás portas de Al Aqsa. (Foto: Jeries Bssier / APA Images via ZUM / DPA)

As forzas e corpos de seguridade de Israel volveron asaltar na mañá desta quinta feira a mesquita de Al Aqsa, en Xerusalén, para cargar contra os palestinos que se atopaban nela rezando ou protestando contra a ocupación.

Nas últimas semanas, Al Aqsa, o terceiro lugar máis sagrado para o Islam, converteuse nun dos maiores puntos de conflito.

O pasado 15 de abril, coincidindo co Venres Santo, as autoridades israelís disolveron unha manifestación palestina na Explanada das Mesquitas. A policía chegou a acceder a Al Aqsa, disparando contra os manifestantes que se esconderan no edificio.

Nas imaxes desta quinta feira pode verse como os axentes israelís cargan contra a poboación palestina que se atopa nos exteriores da mesquita. Segundo a versión israelí, "ducias de persoas" estaban a "protestar e tirar pedras", mais nas imaxes non chega a apreciarse.

Disputa cos xudeus ortodoxos

Este novo ataque israelí tivo lugar pouco antes de que un grupo de xudeus ortodoxos acudisen á Explanada das Mesquitas para rezar.

Palestinos e israelís comparten este lugar como espazo relixioso, o que provoca numerosos altercados entre as autoridades de Israel e a poboación de Palestina.

Durante o mes do Ramadán, o máis sagrado para o Islam, as visitas dos xudeus ortodoxos reducíronse notabelmente, mais unha vez rematado volven a producirse.

Asemade, esta quinta feira tamén se conmemora o Día da Independencia de Israel, polo que as autoridades israelís chamaron á poboación a acudir á Explanada das Mesquitas con bandeiras de Israel.

Comentarios