Irán responde ao veto do Trump e cualifícao de "insulto ao mundo musulmán"

Irán estuda medidas de retaliación polo veto ditado por Washington contra a entrada nos EUA de nacionais dese país e de outros seis estados de maioría musulmá. O Parlamento iraniano podería aprobar un veto recíproco.

Aeroporto Teherán
photo_camera Unha imaxe do aeroporto de Teherán. Polo de agora, Irán non prohíbe a entrada nel a nacionais dos EUA

Desde a sexta feira, as e os cidadáns iranianos non poden entrar en territorio estadounidense, nen sequer para facer transbordo nos seus aeroportos, como consecuncia do veto interposto por Trump contra as persoas nacionais de sete estados de maioría musulmá (alén de Irán, Iraque, Libia, Somalia, Sudán, Siria e Iemen). 

A decisión de Trump foi temporalmente paralisada por unha resolución emitida na noite do sábado por unha xuíz federal de Nova Iorque.

Teherán informou esta fin de semana de que vai adoptar "todas as medidas legais, consulares e políticas apropriadas" como retaliación contra o veto de Trump.

Nun comunicado oficial, Irán cualifica a resolución de Washington de "insulto explícito ao mundo musulmán e particularmente ao grande pobo iraniano". "No canto de combater o terrorismo e o protexer o pobo americano, a decisión entrará para a historia como unha dádiva para os extremistas e os seus apoiantes".

"Respeitamos o pobo americano que distinguimos dos seus gobernantes. Mais mentres estas restricións vexatorias non foren levantadas, vamos adoptar medidas recíprocas", afirma unha declaración oficial do goberno iraniano.

A incógnita neste momento e se por "medidas recíprocas" se debe entender que Teherán bloqueará a entrada no seu territorio a nacionais dos EUA.

Comentarios