A Xustiza estadounidense escoita por primeira vez as vítimas das torturas en Abu Ghraib

Acusada unha empresa que provía mercenarios.
O ex presidente George Bush. (Foto: YNA / DPA)
photo_camera O ex presidente George Bush. (Foto: YNA / DPA vía Europa Press)

Hai dúas décadas, unha reportaxe do gañador do premio Pulitzer Seymour Hersh destapou, no contexto da invasión do Iraq por parte dos Estados Unidos, as torturas a presos na prisión iraquí de Abu Ghraib perpetradas por soldados estadounidenses, mercenarios e membros da Axencia Central de Intelixencia (CIA), no marco da que se fixeron públicas imaxes de tropas cun sorriso canda presos cubertos de feces, sendo electrocutados, amarrados con colares para cans ou facendo unha pirámide humana, na meirande parte dos casos espidos.

Após circunscribirse os litixios no pasado ao sistema xudicial militar, que evitou xulgar tropas de alto rango a pesar de que condenados como Charles Graner denunciaron que os seus superiores insistiron en que maltratara os reclusos, por primeira vez a Xustiza estadounidense escoita tres superviventes das torturas no xuízo que iniciou a segunda feira no Tribunal de Distrito de Alexandria contra CACI Premier Technology.

Esta compañía militar privada proveu os mercenarios encargados de efectuar os interrogatorios na prisión, nunha demanda que chega após denunciar Human Rights Watch (HRW) que as vítimas seguen sen recibir unha compensación económica e non contan con mecanismos para acceder á Xustiza.

De feito, este xuízo, que se prevé dure dúas semanas, producirase máis de 15 anos despois da denuncia presentada polo Centro polos Dereitos Constitucionais, que tivo que superar arredor dunha vintena de tentativas de CACI para desestimar o caso, empresa que segundo a acusación deu instrucións de “abrandar” os detidos antes dos interrogatorios e que responsabiliza o Exército de fixar as condicións na prisión.

O Centro destacou que se trata do “primeiro xuízo no que as vítimas da tortura estadounidense posterior ao 11 de setembro [de 2001] terán o seu día nos tribunais”, e HRW asegurou que, malia ser “un paso crucial cara á xustiza”, “moitas persoas seguen sufrindo a mans das forzas estadounidenses”.

Un dos superviventes, Suhail Al Shimari, relatou como nos dous meses que estivo no cárcere padeceu agresións sexuais, malleiras ou descargas eléctricas.

Un patrón de torturas

A pesar de que George Bush, presidente estadounidense naquela altura, asegurou que se tratou de incidentes illados, HRW, a Cruz Vermella ou Amnistía Internacional detallaron que se enmarcou nun patrón de torturas nos centros de detención estadounidenses no Iraq, Afganistán ou Guantánamo, unha zona de Cuba ocupada polos Estados Unidos.

Comentarios