Un preso en Guantánamo denuncia violacións dos médicos da CIA

Majid Khan leva detido polos EUA desde 2003. Durante o xuízo, pediu ler unha declaración na que narra as torturas sufridas durante o tempo preso na base militar de Guantánamo.
Presos en Guantánamo. (Foto: T14 / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Presos en Guantánamo. (Foto: T14 / Zuma Press / Contactophoto)

O xuízo contra un preso por terrorismo nos Estados Unidos (EUA) deixou o primeiro testemuño público de abusos cometidos contra os detidos tras a campaña iniciada polo país norteamericano após os ataques do 11 de setembro de 2001.

“Fun violado por médicos da Axencia Central de Intelixencia (CIA)”, explicou Majid Khan. “Os estadounidenses forzáronme un enema. Non sei o motivo polo que fixeron isto e a dor foi terríbel. Revisaron o meu corpo coas súas mans e tomáronme fotos espido, alguén me puxo un cueiro e suxeitouno con cita adhesiva de fontanaría”, revelou.

Ademais, Khan, que leva detido desde 2003, informou de que pasara días espido e encadeado, incluso pendurado, en celas escuras e con música a todo volume, sen poder acceder a comida. “Non tiña acceso a un baño, nin sequera a un balde, polo que estaba obrigado a facer as miñas necesidades nun curruncho”.

Asemade, fixo fincapé en que recibiu tanta violencia que comezou a dicir aos interrogadores o que querían ouvir “para que remataran os abusos”. Porén, “canto máis cooperaba e contaba, máis me torturaban”, aseverou antes de narrar as torturas nunha bañeira chea de auga con xeo.

O preso retido en Guantánamo, a base militar dos EUA en territorio cubano, procede de Arabia Saudita e foi criado en Paquistán, onde foi detido acusado de desenvolverse como mensaxeiro de Al-Qaeda, despois de residir nos Estados Unidos.

Despois de declararse culpábel en 2012, a pasada sexta feira un xurado conformado por oito oficiais do Exército dos EUA sentenciouno a 26 anos de cadea despois de que lera o seu testemuño no xulgado.

A pesar da decisión, sete dos oito xurados asinaron unha carta publicada polo The New York Times na que reclamaban clemencia para o preso, recoñecendo que fora sometido “a abusos físicos e psicolóxicos moito máis alá das técnicas melloradas de interrogatorio aprobadas, ao tempo, asumiron que estas torturas non tiveron “ningún valor práctico en termos de intelixencia, ou calquera outro beneficio tanxíbel para os intereses dos EUA”.

Tamén criticaron o “total desprezo polos conceptos fundamentais” da Administración, que lle negou durante catro anos e medio o acceso a un avogado e permitiu que estivera preso sen cargos durante nove anos.

Malia a sentenza, a BBC transmitiu que existe un acordo segredo co Pentágono para que quede libre entre 2022 e 2025 co gallo de colaborar coas autoridades.

Tortura institucionalizada

A “guerra contra o terrorismo”, impulsada polos EUA despois dos atentados, levou a que en xaneiro de 2002 comezaran a chegar os primeiros presos de organizacións consideradas terroristas á base militar de Guantánamo, así como a múltiples centros de detención segredos arredor do mundo.

Neste intre, a CIA iniciou a colaboración con James E. Mitchell e Bruce Jessen, que deseñaron as chamadas “técnicas de interrogatorio melloradas” ás que se refire o xurado militar que condenou a Khan. Este protocolo inclúe afogamento simulado, feches en pequenas caixas, condicións de illamento extremo, privación do sono ou abuso rectal.

Comentarios