Inicia a folga xeral indefinida en Francia para acabar coa reforma das pensións

A pensión media das mulleres é 40% máis baixa que a dos homes.
Milleiros de manifestantes tomaron esta terza feira as rúas de París. (Foto: Julien Mattia / Le Pictorium Agenc)
photo_camera Milleiros de manifestantes tomaron esta terza feira as rúas de París. (Foto: Julien Mattia / Le Pictorium Agenc)

Centos de milleiros de persoas saíron á rúa esta terza feira en múltiples localidades de Francia nunha xornada de folga xeral convocada polos sindicatos do país, en protesta pola reforma das pensións impulsada polo presidente Emmanuel Macron, que a finais desta década elevaría a idade de xubilación desde os 62 aos 64 anos. A partir de 2027, a idade de xubilación na Galiza estará fixada nos 67 anos segundo a lexislación actual.

Durante a folga xeral, a sexta no marco da loita contra a reforma, as e os traballadores frearon a maioría do transporte ferroviario, as entregas de combustíbel nas refinarías ou a recollida de lixo, e até, de forma parcial, as terminais de gas natural licuado e os voos. No ensino, até 60% do profesorado non traballou, informan os sindicatos, unha cifra que o Ministerio de Educación reduciu a 30%.

A fenda na igualdade de xénero tamén forma parte do debate das pensións, posto que as mulleres "son as maiores perdedoras coa nova reforma", admitiu France24. Na actualidade, as pensións medias das mulleres son 40% máis baixas que as dos homes, posto que a norma penaliza as persoas que teñen que deixar de forma temporal o traballo para coidar de membros da familia, unha responsabilidade que adoitan asumir as mulleres.

A diferenza das greves anteriores, nesta ocasión as forzas sindicais impulsan unha folga indefinida, na que as traballadoras e traballadores dos distintos sectores votarán ao final de cada xornada se continúan ou non coa protesta, para aumentar a presión sobre o presidente Macron, que se nega a parar ou reconsiderar a reforma, que podería ser aprobada polo lexislativo a finais deste mes.

Comentarios