Güiana e Venezuela pactan resolver a disputa polo Esequibo pacificamente

A Celac e o Caricom median na reclamación.
Irfaan Ali (Güiana) dá a man a Nicolás Maduro (Venezuela) no cumio. (Foto: Presidencia de Venezuela)
photo_camera Irfaan Ali (Güiana) dá a man a Nicolás Maduro (Venezuela) no cumio. (Foto: Presidencia de Venezuela)

Coa mediación de varios líderes da Comunidade do Caribe (Caricom) e da Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños (Celac), os presidentes de Güiana, Irfaan Ali, e Venezuela, Nicolás Maduro, acordaron resolver a disputa polo territorio do Esequibo —controlado na actualidade polo primeiro país mais reclamado polo segundo, que defende que foi roubado cando Güiana aínda era unha colonia británica— sen “utilizar a forza”, nun cumio en San Vicente e as Granadinas, que ostenta a Presidencia pro tempore da Celac, recolleron hoxe medios internacionais.

O pacto inclúe que “calquera controversia” terá que ser resolta “de conformidade co dereito internacional, incluído o Acordo de Xenebra do 17 de febreiro de 1966”, no que Londres recoñeceu que se trataba dun territorio en disputa antes da independencia güianesa.

A comezos de decembro, a poboación venezolana apoiou nun referendo reclamar a soberanía do Esequibo logo de que durante décadas as negociacións bilaterais non frutificaran, así como outorgar a nacionalidade venezolana aos seus habitantes.

Comentarios