Denuncian por xenocidio a cúpula das Forzas Armadas de Myanmar

O caso presentouse en tres tribunais estatais.
Bombardeo do Exército birmano a pasada semana en Khata. (Foto: Zaw Wai Soe)
photo_camera Bombardeo do Exército birmano a pasada semana en Khata. (Foto: Zaw Wai Soe)

Un total de dezaseis birmanas e birmanos, así como a organización en defensa dos dereitos humanos Fortify Rights anunciaron esta terza feira en Bangkok, Tailandia, a presentación dunha denuncia  en varios países contra os xenerais do Exército de Myanmar, aos que acusan de xenocidio, crimes de guerra e crimes de lesa humanidade, tanto no período posterior ao golpe de Estado de febreiro de 2021 como durante os asasinatos en masa contra a minoría rohingya en 2017, cando o país estaba dirixido por Aung San Suu Kyi.

A Fiscalía federal de Alemaña confirmou que recibiu a denuncia, que tamén foi remitida a tribunais da Arxentina e Turquía en base á xurisdición universal, que permite xulgar crimes de tal magnitude que se considera atentan contra a humanidade máis aló do lugar onde foron cometidos.

As persoas denunciantes relataron ataques á poboación civil por parte dos militares, así como torturas e asasinatos. Desde o golpe de Estado foron asasinadas 2.750 persoas, ao que hai que engadir o asasinato desde 2017 de máis de 25.000 rohingya, que obrigou a fuxir do país a máis de 700.000 membros da comunidade.

Comentarios