Donald Trump cumpriu a súa promesa: Estados Unidos recoñece Xerusalén como capital do Estado de Israel e deu orde a que comecen os preparativos de traslado de Tel-Aviv a esa cidade da embaixada estadounidense. O paso dado polo presidente (apoiado polos republicanos e un bo número de demócratas) é unha importante volta de porca no apoio de EUA a Israel, apostando nun feito consumado que xerou críticas e rexeitamento na comunidade internacional. En Palestina, a resposta concrétase nunha greve xeral, mobilizacións e protestos, convocados unitariamente polas diversas forzas palestinianas, quer laicas quer confesionais.
A greve abrangue desde o comercio até o sector educativo. Israel respondeu reforzando a presenza e control policial e militar en torno aos territorios palestinianos ocupados. Para os palestinianos, a decisión de EUA é unha afrenta insorportábel, para alén dunha violación de acordos internacionais, e un paso de cara a tentar impedir calquera posibilidade dee xistencia dun Estado palestiniano.
“A decisión é unha declaración de guerra de Estados Unidos contra o pobo palestiniano”, manifestaron desde o movemento Hamas. “Non hai paz baixo a ocupación”. Desde Al Fatah xa sinalaron que con esta decisión, Estados Unidos perde o rol de mediador, para alén de abrir as portas a un escenario de máis conflito.