Greve xeral en Grecia contra unha nova vaga de recortes laborais

É o terceiro paro de 24 horas no que vai de ano e a quinta greve desde que Syriza chegou ao poder, en xaneiro de 2015.

Grecia greve protesto Imaxe ekathimerini
photo_camera Imaxe ekathimerini

Grecia vive esta quinta feira unha nova greve xeral, a terceira de 24 horas que se rexistra neste 2016. “Contra a austeridade, a pobreza e a miseria” é o lema dun protesto que decorre nun momento de negociacións entre o goberno heleno e acredores sobre cuestións laborais e dereitos sindicais: negociación colectiva, despedimento libre ou restrinxir o dereito de greve son algúns dos pontos sobre a mesa nestas negociacións.

Atenas quer que se reinstaure a negociación colectiva, finiquitada en 2012 da man dun dos paquetes de imposicións que viñan co resgate. Syriza fixo de recuperar a negociación colectiva unha das súas bandeiras mais non conqueriu recuperala. Aproveita esta negociación para pedila, mais os acredores xa dixeron que non están polo restablecemento dos convenios colectivos até que finalice o actual programa de resgate.

Outra das cuestións que se debaten nesta negociación é a de liberalizar máis o despedimento, algo que piden os acredores e que rexeita o goberno grego, así como os recortes no dereito de greve para restrinxilo. O salario mínimo en Grecia non pasa dos 351 euros e os menores de 25 anos non teñen dereito ao mesmo.

A greve, a quinta que se produce desde que goberna Tsipras, está a ter un seguimento moi maioritario en sectores como o industrial, a sanidade ou a educación. Hai paros importantes no transporte público. O comercio, porén, optou por abrir. Sindicatos do sector público e privado coincidiron en criticar unha negociación que, afirman, ten como finalidade ter un “traballo aínda máis barato” e o aumento de “beneficios do capital”. Temen que vai vir unha etapa de “novo aumento do paro, reciclaxe da recesión e abolición de todo concepto de xustiza social e seguridade laboral”.

Comentarios