Grecia dá luz verde ao despedimento masivo de persoal público

O Parlamento heleno aproba por maioría o novo pacote de reformas exixido pola Troika e deixa na rúa a 15.000 funcionari@s que poderían ser 65.000 máis. Asemade, deixa exent@s de pagar impostos @s representantes da Troika no país

Antoni Samarás
photo_camera Antoni Samarás

Pasok e Nova Democracia dan luz verde aos despedimentos na función pública. Após a folga xeral convocada polas centrais sindicais maioritarias a pasada terza feira, o goberno de coalición aprobou a reforma con 153 votos a favor. 

A medida deixará na rúa este mesmo ano a 4.000 funcionari@s e prevé o despedimento doutr@s 11.000 en 2014. O executivo de Antonio Samarás cumpriu así coas exixencias da Troika (FMI+BCE+UE) que demandaba unha redución orzamentaria de 6.800 millóns de euros como condición sine qua non para desbloquear máis un tramo do rescate financeiro. 

Este ano serán despedid@s 4.000 funcionari@s e en 2014 outr@s 11.000

Así mesmo, a nova norma permitirá a creación dunha reserva na función pública á que serán desprazad@s outr@s 65.000 traballadores e traballadoras públicas. Est@s terán un prazo de 8 meses para seren recolocad@s --cunha redución salarial do 25%-- de non aceptaren o seu novo emprazamento ou non recuperaren a súa actividade, poderán ser despedid@s. 

A redución no plantel de traballador@s public@s prodúcese por vez primeira na historia de Grecia. A reforma aprobada recolle a extinción do posto de gardas escolares e da Policía local. Asemade, a medida deixará exentas de pagar impostos no país @s representantes das organizacións internacionais afincad@s no país. Unha novidade á medida d@s responsábeis da Troika. 

Así mesmo, reducirase o IVA que pasará, a partir do 1 de agosto, do 23% ao 13%.

Comentarios