A guerra en Ucraína, en directo, este 4 de marzo

Segue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína.

Control de estradas en Kiev; construción de barricadas en Odessa; refuxiados ucraínos en Polonia (Fotos: Diego Herrera/Europa Press - Gilles Bader/Le Pictorium Agency - Kay Nietfeld/DPA).
photo_camera Control de estradas en Kiev; construción de barricadas en Odessa; refuxiados ucraínos en Polonia (Fotos: Diego Herrera/Europa Press - Gilles Bader/Le Pictorium Agency - Kay Nietfeld/DPA).

🔴 [EN DIRECTO]

 

18:25 | Xuntanza a tres bandas para garantir a seguridade das centrais nucleares

O presidente de Rusia, Vladímir Putin, dixo ao seu homólogo francés, Emmanuel Macron, que o seu país non se opón a unha posíbel reunión co Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA) e Ucraína. O mandatario ruso comentou a proposta do secretario xeral do OIEA, Rafael Grossi, que expuxo a necesidade de facer un encontro da institución coas partes rusa e ucraína na área da central nuclear de Chernóbil, ao norte de Ucraína.

Segundo Grossi, dita reunión permitiría desenvolver un mecanismo para garantir a seguridade das instalacións nucleares en Ucraína. Segundo informou o medio RT, Putin afirmou que o encontro podería resultar útil para todas as partes e propuxo que se faga en formato de videoconferencia ou nun terceiro país. Na súa conversación con Macron, Putin recalcou tamén que as forzas rusas garanten a seguridade da central nuclear de Zaporizhia. 

16:16 | Conversa telefónica entre Macron e Putin

O presidente francés, Emmanuel Macron, falou por teléfono co seu par ruso, Vladimir Putin. Desde o Palacio do Elíseo confirmaron que a chamada foi por iniciativa do mandatario galo e que “durou case dúas horas", aínda que non deron detalles sobre a conversa. A quinta feira, Macron dixo que "o peor está por vir" logo de manter outra conversación con Putin.

13:56 | Máis de 1,5 millóns refuxiados desde Ucraína

O número de refuxiados de Ucraína superou no últimos dez días os 1,5 millóns de persoas, segundo o alto comisionado da ONU para os Refuxiados, Filippo Grandi.

13:00 | Centos de persoas piden na Coruña “paz para Ucraína” e “unha saída negociada xa!”

Case 40 colectivos e organizacións apoiaron a concentración convocada por Rede Acampa na Coruña para esixir "a fin da guerra en Ucraína". A mobilización, baixo a lema 'Paz en Ucraína. Saída negociada xa!', pediu o cesamento do fogo, a retirada das tropas invasoras e a acollida inmediata de todas as persoas refuxiadas que chegan aos países limítrofes con Ucraína.

11:45 | Un magnate ruso-californiano ofrece un millón de dólares pola cabeza de Putin

O empresario ruso con sede en California, Alex Konanykhin, xerou titulares e non pouca controversia cando ofreceu diñeiro nas redes sociais, xunto cunha foto de Putin e unha lenda que dicía: “Búscase: vivo ou morto. Vladimir Putin por asasinato en masa”. Agregou: “Prometo pagar a suma de 1.000.000 de dólares aos oficiais que, cumprindo co seu deber constitucional, arresten Putin como un criminal de guerra baixo as leis rusas e internacionais”. Facebook logo eliminou a publicación, pero Konanykhin díxolle ao diario británico The Independent que as súas palabras non tiñan a intención de alentar alguén a ir e matar a Putin. Máis ben, insistiu, quería que o líder ruso fose a xuízo.

9:15 | Responsabilizan o servizo secreto ucraíno de matar un membro da delegación negociadora de Ucraína

O servizo secreto ucraíno ( SBU) matou un dos membros da delegación negociadora ucraína que se reuniu recentemente cunha delegación rusa para tentar lograr un acordo e que foi identificado como Denis Kireev, acusado de traizón, segundo informa Europa Press. Kireev recibiría un disparo estando baixo custodia, segundo o diario ucraíno Pravda na súa edición dixital citando fontes políticas de alto nivel nunha información que non foi confirmada polas autoridades. “Xa está morto”, explicou a fonte citada por Pravda, que sinala que Kireev estaría incriminado por “probas claras de traizón” tales como conversas telefónicas.

“Era un axente. Xa sabe vostede por que morren os axentes”, apuntou outra fonte citada por este medio ucraíno. Máis tarde, o Ministerio de Defensa confirmou a morte de Kireev e que era un espía morto como outros dous axentes en “misións especiais”. Con todo, o Ministerio non especifica as circunstancias da morte de Kireev nin dos outros dous “espías”.

Kireev participou nas negociacións celebradas o 28 de febreiro en Gomel, na fronteira entre Ucraína e Bielorrusia. Krieev era banqueiro e entre 2010 e 2014 foi primeiro vicepresidente do banco Oschadbank, aínda que se descoñece en concepto de que participou na delegación ucraína.

19:15 | Ucraína anuncia para a segunda feira a 3ª rolda de negociacións con Rusia

A terceira rolda das negociacións entre Rusia e Ucraína terá lugar esta segunda feira, 7 de marzo, informou este sábado David Arajamia, membro da delegación ucraína e tamén deputado da Rada Suprema (Parlamento). "A terceira rolda de conversacións será a segunda feira", escribiu Arajamia na súa páxina de Facebook.

18:00 | Santiago frea a recollida de produtos para Ucraína porque as ONG "non garanten a súa distribución"

AO Concello de Santiago de Compostela pide á cidadanía que non entregue máis produtos nin alimentos con destino a Ucraína porque "non se pode garantir a correcta distribución dos materiais" nin tan sequera "que cheguen a destino", tal e como lles demandou o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a AECID (Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento).

A Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento pediu á cidadanía que realicen contribucións económicas e non "en especie". Argumenta que os bens doados en especie na Galiza poden "non ser adecuados" ás necesidades da poboación e á situación humanitaria e loxística en Ucraína.

16:50 | O Goberno español habilita que os refuxiados da Ucraína poidan aloxarse no Estado sen pedir protección oficial 

A Secretaría de Estado de Migracións emitiu unha orde pola que as persoas refuxiadas do conflito na Ucraína sen recursos económicos poderán ser aloxadas no sistema estatal de acollida de España sen necesidade de pedir protección de forma oficial.

O documento supón a axilización dos trámites que se esixen de forma habitual para obter unha praza de acollida no sistema. O ministerio do Interior, Fernando Grande- Marlaska, incidiu esta sexta feira en que o Goberno estaba a tomar "as medidas necesarias e precisas" para axilizar a tramitación da protección temporal que a UE acordou conceder aos cidadáns ucraínos con, entre outras medidas, a posta en marcha dunha sección específica dentro da Oficina de Asilo e Refuxio ( OAR) para atender esta materia.

15:50 | Rusia considerará calquera intento doutros países de declarar unha zona de exclusión aérea sobre Ucraína como unha implicación no conflito. 

O presidente ruso, Valdimir Putin, considera "practicamente como unha declaración de guerra" as sancións que se impoñen a Rusia. O presidente asegurou tamén que Rusia considerará calquera intento doutros países de declarar unha zona de exclusión aérea sobre Ucraína como unha implicación no conflito.

"Estamos ao tanto das declaracións de que é necesario crear unha zona de exclusión aérea sobre Ucraína. (...) Calquera paso nesta dirección será considerado por nós como participación no conflito armado do país desde cuxo territorio se crearán ameazas para os nosos militares. Inmediatamente considerarémolos a eles como participantes do conflito, independentemente das organizacións ás que pertenzan", dixo Putin.

13:50 | Moscova culpa os "batallóns ultranacionalistas" do bloqueo dos corredores humanitarios

O Goberno ruso culpou os" batallóns nazis ucraínos "de non poderse implementar os corredores humanitarios acordados en Mariupol e Volnovaja. Moscova denuncia que estes grupos dispararon cando o cesamento do fogo xa estaba en vigor e que aproveitaron para "reagrupar unidades".

O xefe do Centro Nacional para o Control da Defensa de Rusia, Mijail Mizintsev, indicou, segundo a axencia oficial TASS, que as forzas rusas recibiron lume de artillería desde Mairupol e Volnovaja cando o cesamento do fogo xa debía estar en vigor.

13:10 | Ucraína suspende a evacuación de civís de Mariupol e Volnovaja e acusa Rusia de incumprir o cese do fogo

Evacuacion de civís de Mariupol adiada. A cidade de  Mariupol continúa baixo bombardeo, di Kiev, a pesar do cesar-fogo temporal anunciado este sábado por Rusia a partir das 10 horas en Moscova (8 horas na Galiza) para a abertura de corredores humanitarios nas cidades ucraínas de  Mariupol e  Volnovakha. As autoridades decidiron interromper a retirada dos civís por cuestións de seguranza.

11:30 | Inditex fecha as súas 502 tendas en Rusia, con máis de 9.000 empregados

"Inditex informa de que nas actuais circunstancias non pode garantir a continuidade das operacións e das condicións comerciais na Federación Rusa e suspende temporalmente a súa actividade nas 502 tendas (das cales, 86 son Zara) e na canle 'en liña' do país", sinalou nun comunicado remitido á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

10.15 | Zelensky á OTAN: “Todas as persoas que morran a partir deste día tamén morrerán debido a vostedes"

O presidente ucraíno Volodymyr Zelensky censurou a OTAN por rexeitar impór unha zona de exclusión aérea sobre o seu país, dicindo que iso deixará Rusia totalmente en liberdade conforme intensifica os seus ataques aéreos. “Todas as persoas que morran a partir deste día tamén morrerán debido a vostedes, debido á súa debilidade, debido á súa falta de unidade”, manifestou nun discurso. “A OTAN deu luz verde aos bombardeos de cidades e pobos ucraínos ao rexeitar crear unha zona de exclusión aérea”.

9.35 | Rusia declara un cesamento do fogo para a evacuación de civís en Ucraína

Rusia anunciou un cesamento do fogo para que os civís poidan saír de  Mariúpol e  Volnovaja en Ucraína, informaron desde o Ministerio de Defensa ruso.

O Ministerio afirma que os corredores e as rutas humanitarios foron acordadas con Ucraína.

21.21 | Putin afirma que Rusia "non ten malas intencións" cara aos seus países veciños​

"Quero subliñar novamente: non temos malas intencións cara aos nosos veciños e aconsellaríalles que non escalen a situación, que non impoñan restricións", declarou onte o presidente de Rusia, Vladimir Putin, durante a izada da bandeira rusa nun novo ferry, segundo recolleu a axencia oficial de noticias rusa, TASS.

O mandatario sinalou que as accións rusas, "se xorden, sempre xorden exclusivamente en resposta a algunhas accións hostís contra Rusia", remarcando que Moscova "non ve a necesidade" de "escalar" as tensións ou "empeorar as relacións" cos seus países veciños.

20.13 | A Galiza ofrece un millar de prazas de acollida para refuxiados ucraínos​

As Administracións galegas e as entidades sociais ofreceron ao Goberno español un millar de prazas para acoller refuxiados ucraínos por mor da ofensiva do exército ruso no seu país.

En concreto, 714 prazas proceden de centros xestionados polo Goberno galego, 281 dos concellos galegos, a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e as 139 restantes de entidades sociais.

19.50 | O corresponsal Alberto Sicilia di que Kiev está a prepararse para un posíbel "asalto final"

O corresponsal español Alberto Sicilia, que leva a cabo conexións en directo para diversos medios de televisión e radio, informa na tarde desta sexta feira que os movementos de tropas ucraínas e de voluntarios pode dar a entender que a capital de Ucraína, Kiev, estaría a prepararse para un posíbel "asalto final" do exército ruso.

Segundo explica Sicilia, nas últimas 24 horas produciuse un aumento da recolección de pezas metálicas por parte dos voluntarios ucraínos, que poderían ser empregadas para protexer diferentes edificacións e barricadas construídas polas forzas ucraínas.

19.34 | Rusia bloquea o acceso a Facebook no seu país

O regulador de medios ruso, Roskomnadzor, informou na tarde desta sexta que bloqueará o acceso á Facebook no conxunto do país, despois de que  o Goberno ruso decidise restrinxir de xeito parcial a rede social para restrinxir as contas de varias axencias e medios de comunicación estatais, como RIA Nostovi e a canle Zvezda. 

19.13 | Rusia di que Zelenski está en Polonia, e Ucraína afirma que "segue en Kiev co seu pobo"

O presidente da Duma Estatal de Rusia, Viacheslav Volodin, afirmou no seu canal que Volodimir Zelenski, presidente de Ucraína, tería marchao de Ucraína dirección a Polonia. Pola sua parte, desde a Rada Suprema ucraína negan categoricamente esta información e afirman que Zelenski "segue en Kiev, co seu pobo". Tanto Rusia como Ucrania publicaron estas informacións nas súas canles oficiais de Telegram.

Volodímir Zelenski, presidente de Ucraína. (Foto: Ukrainian Presidency / dpa).
Volodímir Zelenski, presidente de Ucraína. (Foto: Ukrainian Presidency / dpa).

18.40 | Vladimir Putin confirma a Olaf Scholz que a terceira quenda de negociacións producirase durante a fin de semana

O presidente de Rusia, Vladimir Putin, confirmou ao chanceler de Alemaña, Olaf Scholz, que a terceira quenda de negociacións entre as delegacións rusas e ucraínas terá lugar durante a fin de semana, segundo confirmaron fontes alemás e rusas.

17.36 | Comeza o Consello de Seguridade da ONU convocado de urxencia

A toma por parte do exército ruso da central nuclear ucraína de Zaporiyia, a máis grande de toda Europa, motivou a Estados Unidos, Reino Unido, Francia, Irlanda, Noruega e Albania, segundo comentaron fontes diplomáticas, a convocar de urxencia un Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas (ONU).

16.49 | O Goberno de Senegal acusa o embaixador ucraíno de intentar recrutar cidadáns senegales para loitar contra o exército ruso

O Goberno de Senegal, a través do Ministerio de Asuntos Exteriores, denunciou que a Embaixada de Ucraína no seu país estaría a intentar contactar con cidadáns senegales para recrutalos como milicianos e levalos a loitar contra o exército ruso.

No comunicado, o Goberno senegalés chama a consultas ao embaixador ucraíno en Dakar, a capital de Senegal, por unha presunta violación da convención de Viena.

15.57 | Rusia acusa a OTAN de proporcionar datos sobre os movementos das tropas rusas a Ucraína

O medio Russia Today (RT) faise eco dun comunicado do Servizo de Intelixencia Exterior de Rusia (SVR en ruso) no que acusa a Organización sobre o Tratado do Atlántico Norte (OTAN) de estar a fornecer o Goberno de Ucraína dos datos de movemento das tropas rusas en territorio ucraíno.

Segundo afirma o SVR, "representantes de intelixencia" de Estados Unidos, Reino Unido, Canadá e "outros países da OTAN" converteron Polonia no "centro de loxística" para o subministro de armas e de información ás milicias ucraínas.

15.13 | A ONU eleva a 1,2 millóns os refuxiados ucraínos desde o comezo da guerra

A Organización das Nacións Unidas (ONU) elevou nesta sexta feira a máis e 1,2 millóns as persoas que saíron de Ucraína desde o comezo da ofensiva do exército ruso en solo ucraíno. A través de Acnur, reportou que 650.000 ucraínos atópanse desprazados en Polonia, 145.000 en Hungría, 103.000 en Moldavia, 90.000 en Eslovaquia e 57.000 en Rumanía.

Desprazados ucraínos en Polonia. (Foto: Kay Nietfeld/dpa)
Desprazados ucraínos en Polonia. (Foto: Kay Nietfeld/dpa)

14.45 | Zelenski, sobre o ataque á central de Zaporizhia: "Loitamos xuntos contra o desastre de Chernóbil, xa o esqueceron?

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, reclamou esta sexta feira "sancións máis fortes" contra Rusia logo dos ataques rexistrados nas inmediacións da central de Zaporizhia.

"Pobo de Rusia, como é isto posíbel? Loitamos xuntos contra as consecuencias do desastre de Chernóbil en 1986, xa o esqueceron? Se o lembran, non poden ficar en silencio. Digan ao seu líder [Vladímir Putin] que vostedes queren vivir", apuntou.

14.15 | Rusia sancionará con até 15 anos de prisión as "noticias falsas" sobre o Exército

Segundo informa a axencia rusa Sputnik, o Consello da Federación Rusa —equivalente ao Senado no Estado español— aprobou esta sexta feira unha lei que estabelece multas económicas e sancións penais pola "difamación ou difusión de noticias falsas sobre o Exército nacional". Deste modo, a persoa que difunda "de forma intencionada" noticias falsas sobre as operacións das Forzas Armadas será sancionada con multas de entre 700.000 e 1,5 millóns de rublos, o equivalente ao salario de 18 meses, ou até un ano de traballos correccionais ou tres de traballos forzosos ou en prisión.

No caso de que a persoa que cometese este novo delito fose un cargo público, ou se se producise "en grupo, con fabricación de probas ou por motivos de odio", a pena oscilaría entre cinco e dez anos de prisión ou multas de entre tres e cinco millóns de rublos. E se a difusión desas noticias falsas tivese "consecuencias graves", a privación de liberdade sería de entre dez e quince anos.

13.20 | As centrais nucleares, albo da guerra en Ucraína

O Goberno ruso acusa "saboteadores ucraínos" do lume provocado na central de Zaporizhia mentres a comunidade internacional amosa a súa crecente preocupación polos ataques a estas instalacións.

13.02 | A "monstruosa" exclusión de Rusia dos Xogos Paralímpicos

O Comité  Paralímpico Internacional (CPI) non permitirá a participación de Rusia e Bielorrusia nos Xogos Paralímpicos de Inverno, que se inauguran hoxe en Pequín, debido ás "ameazas de non competir" doutros países que lle "obrigaron" a cambiar de opinión en 24 horas, logo de que confirmase que os e as deportistas de ambos os países poderían competir na cita como neutrais e que non se lles ía vetar pola invasión rusa a Ucraína.

12.40 | Polonia pide dez anos de prisión para Pablo González acusado de ser un axente da Intelixencia rusa

"O detido estaba a obter información que, de ser utilizada polos servizos especiais rusos, podería ter desencadeado un impacto negativo directo na seguridade exterior e interior de Polonia", sinala o Goberno polaco, nun comunicado.

12.20 | Seguen as restricións contra Sputnik e Russia Today, agora tamén fóra de Telegram

Telegram, unha das poucas canles que seguían a admitir as informacións de RT Sputnik, bloqueou esta sexta feira a conta de RT en Europa por "violar as leis locais", en alusión á orde que deu a UE. O Goberno do Brasil tamén se suma ao veto aos medios de comunicación rusos.

11.43 | Defensora do Pobo de Rusia, disposta a participar no troco de prisioneiros con Kiev

"Estou disposta a participar no intercambio de prisioneiros en calquera modo e formato", declarou a Defensora do Pobo de Rusia, Tatiana Moskalkova, nunha intervención ante os medios de comunicación. A funcionaria agregou que está "contenta" coa segunda rolda de negociacións entre Moscova e Kiev, que permitiu estabelecer corredores humanitarios, o que cualificou de "primeiro paso adiante".

11.30 | Pekín acusa os Estados Unidos de América de intentar responsabilizar a China da crise en Ucraína

Os Estados Unidos de América (EUA), ao acusar China de falta de acción fronte á crise en Ucraína, "intentan eludir a responsabilidade propia por esta crise", declarou o portavoz do Ministerio de Exteriores chinés, Wang Wenbin. "Esa forma de eludir a responsabilidade e divulgar calumnias é hipócrita e detestábel", dixo o ministro. Wang sinalou que as informacións falsas non poden ocultar a responsabilidade dos EUA, senón ao contrario, poñen ao descuberto as "intencións reais dos EUA de aproveitarse da crise".

11.22 | Borrell di que ataques na contorna de centrais nucleares poderían ter "consecuencias catastróficas".

O xefe da Diplomacia da Unión Europea, Josep Borrell, vén de publicar no Twitter: "Os ataques rusos nas inmediacións das centrais nucleares de Ucrania poderían ter consecuencias catastróficas. Deben parar de inmediato. Os bombardeos e o incendio resultante na central eléctrica de Zaporiyia poden pór en peligro a toda Europa. Apoio o chamado para unha reunión de emerxencia do Consello de Seguridade da ONU". Porén, segundo o Ministerio de Defensa ruso, unidades de nacionalistas ucranianos foron quen intentaron provocar lume na central nuclear de Zaporizhia, a maior de Europa.

11.00 | ENTREVISTA | Ignacio Ramonet: "Había formas de atopar unha resposta diplomática"

O conflito desatado entre Rusia e Ucraína abre a porta a unha nova idade xeopolítica, para tratar esta cuestión, desde Nós Diario falamos con Ignacio Ramonet (Redondela, 1943), xornalista que reside en Francia e experto en relacións internacionais, así como director da publicación Le Monde diplomatique en español.

10.48 | Aldeas Infantís evacúa nenos e nenas tuteladas polo Estado

Nenos nun refuxio antiaéreo. Foto: Aldeas Infantís.
Nenos nun refuxio antiaéreo. Foto: Aldeas Infantís.

A ONG Aldeas Infantís está a traballar na evacuación de nenos e nenas ucraínas que viven en institucións residenciais de Kharkiv, Berdyansk y Slavyansk. A entidade, segundo informa nun comunicado, "traballa contra o reloxo en distintos puntos do país" para evacuar esta rapazada, "cando menos 98.000 menores que vivían tutelados polo Estado ucraíno ao comezo do conflito". "Non hai ningún lugar seguro, a salvo dos mísiles e os ataques con bombas. Incluso algúns pobos pequenos, lonxe da liña da fronte, están a ser atacados esporadicamente. A evacuación é sempre un perigo", sinalou o director nacional da ONG en Ucraína, Serhii Lukashov.

10.40 | Máis de 672.000 refuxiados están xa en Polonia

Segundo recolle a axencia rusa Sputnik, a Garda Fronteiriza de Polonia vén de informar de que, "desde o 24 de febreiro, 672.500 persoas chegaron de Ucraína a Polonia". Só na madrugada desta sexta feira chegaron 25.200 refuxiadas máis.

09.40 | A guerra en Ucraína provoca unha nova escalada do prezo da luz

Esta sexta feira o prezo medio será de 340,7 euros/MWh, o cuarto máis caro da historia, logo de rexistrar a terceira maior marca na quinta feira.

09.20 | Feministas galegas denuncian o "branqueo e romantización" da xestación subrogada

O ataque ruso sobre Ucraína volveu situar no foco a xestación subrogada, unha práctica ilegal no Estado español pero consentida no país en guerra. Nos últimos anos converteuse no centro da xestación por substitución. Cada vez máis parellas 'alugan' o ventre dunha muller ucraína e compran alí os fillos que non poden ter.

08.45 | OTAN e UE poderían impor hoxe novas sancións a Rusia

Os ministros de Exteriores da Unión Europea e dos países que integran a OTAN debaten esta sexta feira os "próximos pasos a dar" a nivel político e militar ante a invasión rusa de Ucraína, unha reunión na que se poderían decretar novas sancións contra Rusia. O seu secretario xeral, Jens Stoltenberg, afirmou na quinta feira que "a OTAN non vai ser parte do conflito".

08.10 | Sufocado sen maiores incidencias o lume na central nuclear de Zaporizhzhia

Segundo recolle The Kiev Independent, os Servizos de Emerxencias de Ucraína veñen de informar de que o lume prendido por mor dos ataques na contorna da central nuclear de Zaporizhzhia, na cidade de Energodar, foi sufocado contra as 6.20 horas desta sexta feira [hora local]. Porén, segundo fontes da Axencia Internacional da Enerxía Atómica (AIEA), "non se rexistraron mudanzas nos niveis de radiación". A central, segundo as autoridades ucraínas, está agora en mans rusas.

Lume na central nuclear. Foto: EFE.
Lume na central nuclear. Foto: EFE.

07.50 | Putin di que a operación "marcha segundo o previsto"

Medios de comunicación rusos recollen as declaracións desta quinta feira do presidente de Rusia, Vladímir Putin, nas que sinala que a "operación especial en Ucraína" está a marchar "segundo o previsto", cando se cumpría unha semana do inicio da invasión do país veciño. "A operación estase a desenvolver segundo os prazos previstos no plan. Todas as misións están a decorrer con éxito", dixo, durante unha reunión do Consello de Seguridade ruso.

07.30 | Rusia e Ucraína emprázanse a unha terceira rolda de negociacións

Os Gobernos de Ucraína e de Rusia acordaron esta quinta feira o estabelecemento de corredores humanitarios para a evacuación e a entrega de alimentos e medicinas no marco do conflito, segundo anunciou a parte ucraína ao término da segunda rolda de conversas, diálogos que se repetirán "axiña".

Comentarios