martes 29/09/20
O Executivo analiza a proposta a escasos días do comezo do curso escolar

O Goberno español estuda remunerar a baixa a pais e nais con crianzas en corentena pola Covid-19

Os representantes do Executivo estatal condicionaron a aprobación desta medida ao diálogo social coa CEOE e os sindicatos Comisións Obreiras e UXT
A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, e o de Seguridade Social, José Luis Escrivá, onte en Mallorca. (Foto: Isaac Buj / Europa Press)
A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, e o de Seguridade Social, José Luis Escrivá, onte en Mallorca. (Foto: Isaac Buj / Europa Press)

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, abriu hoxe a porta a unha mudanza normativa co obxectivo de que os pais e nais con fillos en situación de corentena poidan acceder a unha baixa remunerada para coidar deles. A resposta de Escrivá chegou após unha polémica na que participaron na última semana diversos membros do Executivo español. Porén, condicionou a súa aprobación ao resultado do diálogo social que mantén aberto o Goberno de Pedro Sánchez coa patronal da CEOE e cos sindicatos CCOO e UXT.

“Necesitamos escoitar os axentes sociais e despois si, estamos dispostos a introducir o cambio normativo”, indicou Escrivá desde Palma de Mallorca, onde compareceu acompañado da ministra de Traballo, Yolanda Díaz, para dar conta dun encontro coa patronal e coas organización sindicais. Porén, Escrivá recoñeceu que diante da nova situación creada pola apertura dos centros escolares, o Goberno decatouse de que os pais ou nais con fillos e fillas en corentena que non son positivos por coronavirus “non están cubertos”.

“Estivémolo analizando e concluímos que non está cuberto. Precisamos introducir un cambio normativo”, aseverou Escrivá, quen recoñeceu que até agora a baixa por incapacidade temporal só estaba recoñecida a aquelas traballadoras e traballadores contaxiados por coronavirus e aqueloutros que tiveran contacto cun positivo e se atopaban en situación de corentena. A reflexión introducida esta sexta feira polo ministro será obxecto da análise na vindeira semana, no marco dunha negociación onde se presume como central a discusión a respecto do alongamento dos ERTE máis alá do mes de setembro.

O presidente da CEOE, Antonio Garamendi, foi o único interlocutor social que se manifestou sobre o asunto: “Vaise falar e quedamos para comentalo”, apuntou en declaracións aos medios. Tamén adiantou que “nós o que queremos é sentar e que nos conten as cousas, non pode ser que un ministro diga unha cousa e outro, outra. Son anuncios que nos collen por sorpresa e dos que sabemos pola prensa. O lóxico sería que primeiro os coñecésemos nós”. Garamendi considerou que a proposta non se formulou “da maneira máis axeitada” e reclamou “ese diálogo” no medio deste “caos” para preguntar en primeiro lugar “cal é a postura” do Executivo.    

O dirixente da patronal quixo deixar en evidencia as contradicións na última semana dos membros do Goberno en relación a este aspecto. Un debate que iniciou a portavoz do Executivo, María Jesús Montero, negando a posibilidade da baixa, e que tivo resposta do vicepresidente Pablo Iglesias, a través dunhas declaracións públicas, en sentido contrario.  

comentarios