O Goberno conservador no Reino Unido incrementa a represión contra as mobilizacións

A ONU denunciou un ataque á liberdade de reunión.
Rishi Sunak, líder británico. (Foto: Jeff J Mitchell / PA Wire / DPA)
photo_camera Rishi Sunak, líder británico. (Foto: Jeff J Mitchell / PA Wire / DPA)

Morgan Trowland e Marcus Decker, da organización ecoloxista Just Stop Oil, foron condenados en 2023 a tres e dous anos e sete meses de prisión respectivamente por escalar un ano antes unha ponte sobre o río Támese, en Londres, a capital británica, co fin de pendurar unha pancarta, provocando a paralización do tráfico. Este é un dos casos abordados hoxe pola axencia AP, que advirte que o “dereito á protesta está ameazado” no Reino Unido.

Ao longo deste exercicio, ducias de persoas que integran organizacións medioambientais foron detidas por camiñar lentamente polas estradas para bloquear o tráfico, o mesmo que lle aconteceu a activistas contra a monarquía, arrestados durante a coroación do novo monarca, Carlos III, antes de que puidesen erguer os seus carteis coa mensaxe “Non é o meu rei”.

Detrás están as normas que criminalizan as protestas impulsadas polo Goberno do Partido Conservador e a súa maioría na Cámara Baixa. Após introducir en 2022 un delito de alteración pública penado con até 10 anos de cárcere e que outorgou ás forzas de seguridade máis competencias para restrinxir as mobilizacións, o Gabinete de Rishi Sunak lanzou este ano unha nova norma de orde pública, que permite condenar a 12 meses de prisión  persoas que participen en manifestacións nas que se bloqueen infraestruturas chave, unha categoría na que inclúe estradas e pontes.

O Comité Conxunto de Dereitos Humanos do lexislativo británico admitiu que estas normas teñen “un efecto paralizador sobre o dereito a protestar”, e o relator da Organización das Nacións Unidas para o cambio climático e os dereitos humanos, Ian Fry, subliñou que son un “ataque directo ao dereito á liberdade de reunión pacífica”.

Efecto disuasorio

Persoas expertas transmitiron que un dos principais problemas é a arbitrariedade da Xustiza no tratamento ás persoas detidas. No tocante ás protestas ambientais, arredor da metade das arrestadas foron absoltas despois de detallar as súas motivacións.

Porén, noutros casos as e os xuíces prohibiron ás persoas acusadas mencionar o cambio climático ou comunicar os motivos polo que participaron nas protestas.

Ao condenar Trowland, que saíu de forma anticipada de prisión hai dúas semanas tras 14 meses, e Decker, o xuíz Shane Collery incidiu en que a dureza da sentenza respondeu “ao caos que vostedes causaron", ademais de para “disuadir outros de intentar copialo”.

Comentarios