As pezas roubadas do Partenón levan a unha crise entre Atenas e Londres

Sunak cancela unha xuntanza con Mitsotakis para non abordar o asunto.
Rishi Sunak. (Foto: Stefan Rousseau / PA Wire / DPA)
photo_camera Rishi Sunak a segunda feira. (Foto: Stefan Rousseau / PA Wire / DPA)

A reunión entre o primeiro ministro británico, Rishi Sunak, e o seu homólogo grego, Kyriakos Mitsotakis, programada para hoxe en Londres, nunca se produciu, logo de que o Reino Unido suspendera pouco antes a xuntanza en represalia a unhas declaracións do líder grego nas que subliñaba que as “esculturas pertencen a Grecia e foron esencialmente roubadas”, en alusión ás partes do Partenón que posúe o Museo Británico, recolleu a canle Deutsche Welle.

As figuras foron roubadas polo diplomático británico Lord Elgin a comezos do século XIX. Mitsotakis indicou que non é un asunto de “propiedade”, e comparou a división entre Atenas e Londres do Partenón con cortar “a Mona Lisa en dous”.

Nun comunicado, o primeiro ministro grego sostivo que agardaba poder tratar con Sunak a cuestión “xunto cos principais desafíos do momento internacional: Gaza, Ucraína, crise climática, migración”, e incidiu en que “quen cre na corrección e na xustiza das súas posicións nunca teme os argumentos”.

Unha medida "sen precedentes"

O seu Executivo definiu a decisión como unha “falta de respecto” e unha medida “sen precedentes”. Tras a anulación do encontro, o Reino Unido ofreceu a Mitsotakis reunirse co viceprimeiro ministro, Oliver Dowden, algo que rexeitou.

O titular británico de Transporte, Mark Harper, reiterou a posición gobernamental, que defende que deben quedar no Museo Británico.

Compromiso laborista

Con quen si se xuntou o primeiro ministro grego foi co líder do Partido Laborista, Keir Starmer, ao que as enquisas colocan como futuro líder británico, despois dunhas eleccións que deben decorrer antes do final de xaneiro de 2025. A formación afirmou que se a institución cultural e Atenas pactan a devolución das pezas non se oporá.

Comentarios