Barbados reclama 4,5 billóns de euros aos Estados escravistas

O Estado español debe 16 billóns de euros pola escravitude.
A primeira ministra de Barbados, Mia Mottley, en setembro. (Foto: Presidencia de Cuba)
photo_camera A primeira ministra de Barbados, Mia Mottley, en setembro. (Foto: Presidencia de Cuba)

A primeira ministra de Barbados, Mia Mottley, sostivo que os Estados propietarios e comerciantes de escravos debían ao país americano 4,5 billóns de euros, e ratificou que as negociacións para o pago desa débeda serán “difíciles e levarán tempo”, nunhas declaracións nas que destacou a aparente vontade do rei británico Carlos III de afrontar a responsabilidade estatal no ámbito da escravitude, recolleu na madrugada de hoxe o xornal The Guardian.

“Non agardamos” que este total “se pague nun ano, dous ou cinco posto que a extracción de riqueza e os danos se produciron durante séculos, mais exiximos que se nos vexa e escoite”, subliñou Mottley.

Un estudo do Brattle Group concluíu que o Reino Unido debe 22 billóns de euros en reparacións a 14 Estados que sufriron a escravitude intercontinental, o Estado español 16 billóns, Francia 8 e os Países Baixos 4,5, unhas cifras “en realidade minúsculas” en comparación coa riqueza acumulada por estes países durante moito tempo pola posesión e o comercio de persoas escravizadas, resolveu a primeira ministra.

Comentarios