domingo 20/09/20

O Goberno catalán planea desescalar por rexións e o vasco con 'biziberri'

As nacións camiñan cara á "nova normalidade"
A consellera de Saúde de Catalunya, Alba Vergés (Imaxe: Europa Press)
A consellera de Saúde de Catalunya, Alba Vergés (Imaxe: Europa Press)

A Generalitat de Catalunya presentará na cuarta feira, 6 de maio, as súas propostas para dar o paso á fase 1 da desescalada, prevista polo Executivo estatal para o vindeiro 11 de maio nos territorios onde a situación sanitaria o permita. 

A fórmula que defende a área da consellera de Saúde Alba Vergés (ERC) é avanzar no desconfinamento non por provincias, como quer o Goberno español, senón en función das rexións sanitarias en que se divide o país e que, nada teñen a ver coas provincias. De feito, estas rexións son nove. 

Así o anunciou na segunda feira en rolda de prensa a consellera republicana. Así mesmo, Vergés tamén amosou a súa preocupación polas zonas máis poboadas de Catalunya, como é a capital, Barcelona, e toda a súa área metropolitana, xa que poderían tardar máis tempo en avanzar no desconfinamento debido á intensidade con que a pandemia golpeou esa zona. 

Euskadi, con dúas fases máis

En Euskadi, o Goberno do lehendakari Iñigo Urkullu ten xa un borrador para iniciar un proxecto propio de  desescalada en colaboración coas autoridades do Estado. Así o adiantaba na segunda feira, 4 de maio, a prensa vasca. A proposta de Urkullu foi bautizada como Biziberri (vida nova) e foi entregada aos grupos parlamentarios. Esta sería ademais proposta coa que o Executivo vasco negocia con Madrid para autoxestionar a desescalada e pór fin ao mando único español sobre Euskadi. 

O borrador vasco contempla dúas fases a maiores das catro estatais. Así, habería unha nova fase para xullo, agosto e setembro, co aumento de aforos e unha apertura controlada do turismo interior. En outubro sería a última fase, con "vida normal" pero mantendo a distancia física e a hixiene nas mans.

comentarios