Garzón pídelle a Errejón unirse ao proxecto liderado por Yolanda Díaz

Alberto Garzón, ministro de Consumo, emprazou esta sexta feira o líder de Más País, Íñigo Errejón, a sumarse á inicitiva política que quere liderar Yolanda Díaz.
A vicepresidenta e ministra de Traballo, Yolanda Díaz (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera A vicepresidenta e ministra de Traballo, Yolanda Díaz (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O ministro de Consumo Alberto Garzón, sinalou esta sexta feira que o líder de Máis País, Íñigo Errejón, debe sumarse ao movemento que está a promover a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, para as eleccións xerais de 2023.

Afirma que o liderado da ex coordinadora de Esquerda Unida na Galiza é "inevitábel" e, en caso contrario, "ninguén perdoaría" que se presentasen por separado.

Ao ser preguntado polas posíbeis reticencias de Errejón a incorporarse á plataforma de Díaz, Garzón afirmou que o proxecto de Errejón e Más País é parte necesaria para a solución do país e debería ser parte deste "proxecto de encontro", en declaracións a TVE.

"Entender que Yolanda (Díaz) pode representar todos eses sectores, vai ser inevitábel, ninguén perdoaría nunhas hipotéticas eleccións xerais de 2023 que fósemos divididos", opinou o tamén líder estatal de IU.

Segundo engadiu, existe a opción de que Díaz lidere ese espazo e hai distintas forzas que ten cousas "centrais" en común.

"Desde EU témolo claro e promoverémolo", asegurou o ministro de Consumo.

Doutra banda, negou que os plans de Díaz afecten á convivencia dentro do Goberno español e eloxiou a vicepresidenta, de quen dixo que será unha "excelente candidata" e que pode encarnar ese proceso de transformación do Estado español agrupando distintos sectores da esquerda. "Ese é o camiño necesario ao que ninguén se opón", terminou.

Nunha recente entrevista, Yolanda Díaz lamentara estar "rodeada de egos" e mesmo, en referencia á súa candidatura nunhas futuras eleccións, apuntara que “como exista ruído ou isto vaia de egos, é probábel que me vaia".

Comentarios