Podemos "facilitará" a proposta política liderada por Yolanda Díaz

O deputado de Podemos Antón Gómez-Reino asegurou na mañá da sexta feira que Podemos "facilitará" a plataforma política impulsada por Yolanda Díaz de cara ás próximas eleccións estatais.
A vicepresidenta e ministra de Traballo, Yolanda Díaz (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera A vicepresidenta e ministra de Traballo, Yolanda Díaz (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O secretario xeral de Podemos Galicia e deputado no Congreso, Antón Gómez-Reino, enxalzou a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, como "unha referencia incontestábel" a nivel estatal.

Mostrouse favorábel á configuración "dunha plataforma electoral" que sirva para "ensanchar" o espazo político que na actualidade ocupa Unidas Podemos.

Así se expresou a preguntas dos medios durante unha rolda de prensa decorrida esta sexta feira na sede de Podemos na Coruña, onde resaltou o liderado que, ao seu xuízo, exerce a súa compañeira na coalición Galicia en Común.

Un liderado que, para Gómez-Reino, a mandataria ferrolá "gañou a base de traballo" e dun labor "excepcional" desde o Ministerio de Traballo que lle serviu para ser "recoñecida por diferentes partes da sociedade" máis aló dos votantes de Unidas Podemos.

Preguntado pola plataforma que quere impulsar a ministra de Traballo de cara ás próximas eleccións, Gómez-Reino sinalou que responde a unha "demanda da maioría da xente progresista".

Por tanto, Gómez-Reino recoñeceu que a formación morada está a traballar para "facilitar" a proposta política de Yolanda Díaz, co obxectivo de "ensanchar" o espazo político de Unidas Podemos e así poder aspirar a "liderar" o Goberno do Estado nas próximas eleccións.

Nunha recente entrevista, Díaz admitiu que traballa nun proxecto para a cita coas urnas: “Estou niso, estou mantendo moitas conversas”, salientou, apostando nunha plataforma que "non vai de nomes".

A ferrolá ocupou a Coordinación Nacional de Esquerda Unida na Galiza, antes de dar o salto ao Parlamento galego, da man de Xosé Manuel Beiras, con AGE. Tamén formou parte de En Marea (EU, Anova e Podemos), coa que saltou a Madrid, como deputada no Congreso. Ás últimas eleccións presentouse pola circunscrición de Pontevedra. Abandonou a militancia de EU en 2019 e en 2020 foi nomeada ministra de Traballo.

Comentarios