venres 24/09/21

Yolanda Díaz, que ascende no novo Goberno español, ve un cambio para "fortalecer" a coalición

A líder de Unidas Podemos dentro do Executivo do Estado, que logrou manter todos os ministerios que ostenta o partido intactos, afirmou que "o futuro escríbese coa forza das mulleres, das persoas traballadoras e profesionais que cada día fannos crecer, sobre as ás das ideas e da diversidade".
A ministra de Traballo e vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press) #yolandadíaz #gobernoespañol #pedrosánchez #unidaspodemos #reestruturación #ministros #ministerios
A ministra de Traballo e vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A galega Yolanda Díaz pode estar en hora boa após a profunda remodelación do Goberno español anunciada este sábado polo presidente, Pedro Sánchez. A líder de Unidas Podemos dentro do Executivo de coalición non só conseguiu ascender un posto na estrutura, senón que mantivo a mesma cota de ministerios e as mesmas caras que xa tiña o seu partido.

Medios como RTVE aludiron a unha negociación de varios días entre Sánchez e Díaz para chegar ao acordo de que nada mudaría para Unidas Podemos. A última remodelación tocara de cheo á propia ministra de Traballo coa marcha do que fora o seu xefe de filas Pablo Iglesias.

Desta forma, manteñen as súas carteiras ela mesma; a ministra de Igualdade, Irene Montero; a súa homóloga en Dereitos Sociais, Ione Belarra; o ministro de Universidades, Manuel Castells; e o titular de Consumo, Alberto Garzón, malia que algunhas quinielas falaban da súa saída.

Após coñecerse publicamente as mudanzas no seo de sete ministerios, a política galega falou dun cambio no que está en disposición de "fortalecer" o pacto de goberno co PSOE. "Este novo tempo empurra a pensar ao grande", engadiu, a través dunha reflexión que deixou nas súas redes sociais.

A vicepresidenta segunda a partir da toma de posesión da segunda feira -de momento é terceira- sinalou que "os retos da recuperación xusta, a transición ecolóxica, o avance en igualdade e de horizontes de futuro para a mocidade deben ser o corazón do novo goberno".

Así mesmo, desde o seu punto de vista, "o futuro escríbese coa forza das mulleres, das persoas traballadoras e profesionais que cada día fannos crecer, sobre as ás das ideas e da diversidade".

Con "intelixencia e dedicación" pretende "fortalecer o proxecto que recibiu a confianza da cidadanía en 2019". "Este Goberno segue comprometido cos grandes retos do acordo de coalición e temos que estar á altura das expectativas da xente do noso país", resumiu.

comentarios