Análise

O “caso Rodríguez” saca á luz as tensións internas de Unidas Podemos

O antigo secretario de organización de Podemos e deputado por Santa Cruz de Tenerife no Congreso até a pasada sexta feira, Alberto Rodríguez, vén de anunciar accións xudiciais contra a sentenza do Supremo que o condena por lesións a un policía. A decisión de Rodríguez ten unha lectura política que deixa ao descuberto as tensións internas no espazo político de Unidas Podemos.
Alberto Rodríguez, ex secretario de organización de Podemos e ex deputado por Santa Cruz de Tenerife no Congreso. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Alberto Rodríguez, ex secretario de organización de Podemos e ex deputado por Santa Cruz de Tenerife no Congreso. (Foto: Nós Diario)

O antigo secretario de organización de Podemos e deputado por Santa Cruz de Tenerife no Congreso até a pasada sexta feira, Alberto Rodríguez, vén de anunciar accións xudiciais contra a sentenza do Tribunal Supremo que o condena por lesións a un policía e a resolución da presidenta da Cámara Baixa, Meritxell Batet que o suspende como deputado. A decisión de Rodríguez ten unha lectura política que deixa ao descuberto as tensións internas no espazo político de Unidas Podemos e as diverxencias entre esta formación e os seus parceiros do Executivo, o PSOE.

A pasada sexta feira, Meritxell Batet resolveu, contra o criterio dos letrados do Congreso dos Deputados, privar dos seus dereitos parlamentarios a Alberto Rodríguez. A resposta da formación morada non se fixo agardar e a súa secretaria xeral, Ione Belarra, anunciou a presentación dunha querela por prevaricación contra a presidenta da Cámara Baixa. O paso adiante da máxima responsábel de Unidas Podemos non tardou en ser apoiada por dirixentes do partido, como Pablo Iglesias, e respondido con contundencia desde o PSOE cun fechamento claro de filas arredor de Batet.

A situación deu ao pouco un xiro radical. No marco dunha escalada da tensión entre socialistas e morados, o coordinador xeral de Izquierda Unida e ministro de Consumo, Alberto Garzón, desmarcouse de Belarra e adiantou que Unidas Podemos non tiña previsto acción xudicial ningunha, correspóndolle executala a Rodríguez. Na mesma liña, manifestáronse outros dirixentes do espazo, como Yolanda Díaz, quen onte se desmarcaba da solicitude de Unidas Podemos de dimisión de Batet e quen chamou a “baixar a tensión” e a deixar de “xerar máis ruído no noso país”, así como a traballar “polo que temos que traballar".

As diverxencias en Unidas Podemos

As posicións en Unidas Podemos en relación ao caso Rodríguez responderon aos aliñamentos internos. Así, o sector próximo a Yolanda Díaz, do que neste momento fai parte Garzón, mantivo silencio e opúxose a iniciar accións legais contra Batet. O grupo crítico coa ministra de Traballo, encabezado por Belarra e Irene Montero, amosou con claridade a solidariedade con Rodríguez e defenderon unha actitude máis belixerante cos socialistas. 

A resposta de Alberto Rodríguez non tardou. Así, nun comunicado público, denunciou a suspensión da súa condición de deputado e criticou a sentenza xudicial, cualificándoa de “inxusta”, porque “nunca existiu a comisión dos feitos que se me adxudican e que levou como consecuencia a unha cadea de decisións en desacordo coa lei por parte da presidenta do Congreso”. Neste mesmo sentido, anunciou a contratación como avogado de Gonzalo Boye, o letrado de Carles Puigdemont, para representalo nas accións legais que ten previsto desenvolver no ámbito da xustiza internacional.

Rodríguez deu conta da súa baixa en Podemos e abriu a porta a novos proxectos políticos no ámbito do nacionalismo canario. Nesa dirección, destacou a súa baixa en Podemos e a súa renuncia “á participación en estruturas de partidos estatais no ámbito canario, unha vez comprobado en múltiples ocasións os límites destas desde unha perspectiva arquipeláxica autocentrada”.

As frontes de Unidas Podemos

Unidas Podemos ten diante súa unha verdadeira encrucillada. A formación morada debe enfrontar a un PSOE cada día menos disposto a cumprir o acordo de Goberno para aprobar aspectos centrais da súa alternativa programática. Neste sentido, os atrancos dos socialistas á derrogación da denominada Lei mordaza ou da reforma laboral están elevando a tensión no Executivo. Precisamente, esta cuestión centra o conflito entre Díaz e Nadia Calviño, nun escenario onde a Comisión Europea ten a última palabra.

A fronte interna preocupa en Unidas Podemos. A medida que se achega a formalización da candidatura de Yolanda Díaz son cada día máis numerosas as voces críticas co seu proxecto, atopándose entre elas as ministras Belarra e Monteno, así como o sector maioritario do PCE, co seu secretario xeral, Enrique Santiago, á cabeza.

Comentarios