O G20 aborda o cambio climático, a guerra en Ucraína e Palestina entre acusacións a Occidente pola dobre vara de medir

París reclama metas climáticas máis ambiciosas.
O primeiro ministro indio, Narendra Modi. (Foto: Kay Nietfeld / DPA)
photo_camera O primeiro ministro indio, Narendra Modi. (Foto: Kay Nietfeld / DPA)

Os líderes do G20 reuníronse hoxe de forma virtual, nunha xuntanza na que non estivo o presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, ou da China, Xi Jinping, que foron substituídos pola secretaria do Tesouro Janet Yellen e o primeiro ministro Li Qiang respectivamente.

Na súa alocución, o primeiro ministro indio, Narendra Modi, reclamou ao grupo que se leven á práctica os acordos asinados na cimeira de setembro en Nova Deli, como o aumento do financiamento para loitar contra o quecemento global, cun incremento da produción de enerxía renovábel, a reforma dos bancos multilaterais de desenvolvemento ou a creación dun marco para a intelixencia artificial.

Dobre vara de medir

Amais, Modi celebrou o acordo para unha tregua entre Israel e Gaza, o mesmo que fixo o seu homólogo ruso, Vladimir Putin, que cuestionou a dobre vara de medir dos Estados da Organización do Tratado do Atlántico Norte en relación a Palestina. “O exterminio da poboación civil en Gaza non impresiona?”, inquiriu, antes de reafirmar a súa disposición a negociar para pór fin á guerra 
en Ucraína
.

Tamén apuntou que as “políticas macroeconómicas mal concibidas dalgúns Estados” están a causar “o estrés colosal que padece a economía mundial”.

Metas climáticas máis ambiciosas

En paralelo, Olaf Scholz, chanceler alemán, solicitou a Putin a retirada das súas tropas do territorio ucraíno. Entrementres, o presidente francés, Emmanuel Macron, instou a marcar metas climáticas máis ambiciosas de cara á 28º Conferencia da Organización das Nacións Unidas sobre cambio climático, que comeza a próxima semana.

O 30 de novembro remata a Presidencia rotatoria do G20 que neste exercicio ostentou a India, e que pasará ao Brasil.

Comentarios