A división sobre a guerra de Ucraína preside a xuntanza de líderes do G20

A pesar da dificultade de alcanzar un consenso e da situación financeira mundial, a guerra en Ucraína centrou a primeira reunión de líderes do G20 tras a invasión rusa.
Reunión de líderes dos territorios que compoñen o G20, a terza feira en Nusa Dua, na illa indonesia de Balí. (Foto: Leon Neal / PA Wire / dpa)
photo_camera Reunión de líderes dos territorios que compoñen o G20, a terza feira en Nusa Dua, na illa indonesia de Balí. (Foto: Leon Neal / PA Wire / dpa)

“Todos temos unha responsabilidade, non só polos nosos pobos, senón tamén polos pobos do mundo”, ratificou a terza feira no discurso de apertura o presidente de Indonesia, Joko Widodo, anfitrión da cimeira de líderes do G20 que finaliza a cuarta feira en Nusa Dua, Balí, nunha intervención na que reivindicou que “non debemos dividir o mundo en partes e permitir que o mundo caia noutra Guerra Fría”.

A pesar diso, a división marcou as conversas na primeira xornada do cumio, na que debates previstos como o da inflación, a seguridade alimentaria e a transformación dixital quedaron nun segundo plano con relación ao conflito bélico en Ucraína.

Nese sentido, e tras fracasar unha proposta semellante na xuntanza de titulares de Exterior do G20 en xullo e no Cumio de Asia Oriental hai poucos días, os Estados Unidos (EUA) e os seus aliados lanzaron unha proposición para “condenar enerxicamente a guerra en Ucraína” e exixir a retirada de Rusia do seu territorio, así como denunciar o sufrimento humano que está a causar e o agravamento que xera “nas fraxilidades existentes na economía global”, sostivo un diplomático europeo citado por Reuters, que recoñeceu que “houbo opinións e diferentes valoracións sobre a situación e as sancións”.

Malia que isto fecha a porta a unha declaración conxunta ao final do G20, medios internacionais incidiron en que Washington e os países da contorna da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) buscan que cando menos a maioría dos presentes asine a resolución.

Pola súa parte, Sergei Lavrov, ministro de Asuntos Exteriores de Rusia -que xunta o Brasil e México son os únicos territorios que non enviaron o seu presidente-, acusou os EUA de usar a reunión para “socavar o G20, socavar a declaración conxunta e culparnos”, cualificando de “fracaso” o intento de converter o evento nunha “plataforma 
anti rusa”.

Facendo fincapé en que a invasión rusa en Ucraína é “unha guerra híbrida desatada e preparada por Occidente durante anos”, insistiu en que están abertos á negociación cando Kíiv deixe de propor “condicións non realistas”, e instou Occidente a ofrecer evidencias de que está “seriamente interesado en disciplinar” o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, e “explicarlle que isto non pode seguir así”.

Pouco antes, o mesmo Zelenski interveu como convidado na cimeira e corroborou as condicións para negociar fixadas tras recibir as presións dos EUA, entre elas, que Rusia abandone as rexións incorporadas a finais de setembro. Amais, criticou a Cruz Vermella pola súa suposta falta de apoio ás autoridades ucraínas.

Outros Estados integrados no G20, que agrupa 75% do comercio internacional, mantiveron que a diplomacia ten que ser a vía principal para pór fin ao conflito en Ucraína, posición que ratificou a India, a China ou a Arxentina. De feito, apenas a metade dos membros do G20 aplicaron sancións unilaterais a Rusia no marco dos combates en Ucraína, unha iniciativa que, como o envío de armas a Kíiv, está apoiada principalmente polos países da OTAN.

Entre as xuntanzas bilaterais que se desenvolven co gallo do cumio, o presidente chinés, Xi Jinping, reuniuse con Pedro Sánchez, presidente do Estado español, que asistiu como convidado ao G20 e que lle transmitiu a vontade de impulsar as relacións da Unión Europea (UE) con Beijing.

A ONU denuncia torturas na guerra de Ucraína

A xefa das e dos investigadores da misión da Organización das Nacións Unidas (ONU) que estuda as violacións de dereitos humanos en Ucraína, Matilda Bolgner, fixo público os resultados das pescudas, nas que constatou que tanto os prisioneiros a cargo de Kíiv como a cargo de Moscova foron torturados durante o tempo que pasaron detidos.

Asemade, a Asemblea Xeral do organismo aprobou unha moción ucraína non vinculante para que Rusia “renda contas polas violacións do dereito internacional en Ucraína” e asuma reparacións ao país, criticada por Moscova como un intento de “expropiación ilegal de activos soberanos”.

Mentres, a UE presentou oficialmente a misión de adestramento coa que planea formar 15.000 militares ucraínos.

Comentarios