A Fronte Nacional 'pincha' nas nacións sen estado, como Bretaña e Córsega

O partido de extrema-dereita atinxiu no Estado nesta primeira volta das rexionais un 30% dos votos, sendo primeira forza. Mais en Bretaña, Córsega ou Iparralde ficou moi lonxe deses resultados. Non así en Catalunya Norde, onde ficou primeira.

Bretaña, breizh

“Franvia volve levantar cabeza”, manifestou Marine Le Pen ao coñecer os resultados destas eleccións rexionais francesas, uns comicios nos que a Fronte Nacional foi a forza máis votada, cun 30% dos votos. O partido de extrema-dereita venceu en seis das 13 rexións e consolidou así un medre electoral que viña producíndose desde hai anos. A coligazón da dereita de Sarkozy co centro-dereita da UDI foi a segunda máis votada no Estado -gañou en 4 das 13 rexións-, mentres que o PS de Hollande sufríu un forte castigo. Os socialistas xa anunciaron que non concorrerán á segunda volta en varias demarcacións, para así favorecer o voto á alternativa ao FN.

Bretaña: triunfo socialista e as listas nacionalistas abeiran o 10%

En Breizh (Bretaña) as diferentes listas autonomistas e soberanistas obtiveron por volta do 10% dos apoios nunhas eleccións que neste país gañou o Partido Socialista (35%). A formación bretoa máis votada foi 'Oui la Bretagne' (6,7% apoios), mentres que 'Terras de Bretaña' tivo o 2,6% e o Partido Bretón un 0,64”. A candidatura da esquerda independentista (Breizh O Stourm!) obtivo o 0,62 por cento.

Córsega: Nacionalistas e independentistas suman un 28% dos votos

En Córsega a lista da esquerda foi a máis votada, cun 18,4% dos apoios, ficando segunda a candidatura nacionalista 'Femu a Corsica', cun 17,6 por cento. A dereita logrou o 13,2% dos sufraxios e a Fronte Nacional ficou en cuarta posición, cun 10,58%. Os independentistas presentáronse divididos en 2 listas. A de Corsica Libera logrou un 7,72%, mentres que a de Rinnovu obtivo o 2,58%.

Iparralde: Non houbo listas abertzales

Non houbo concorrencia de formacións abertzales nestas eleccións. A dereita sarzozyniana e a súa coligazón co centro-dereita foi o que máis apoio nas urnas tivo en Euskal Herria norte, cun 29%. O Partido Socialista logrou o 28% e a Fronte Nacional o 16 por cento.

Na zona de Languedoc-Roselló, a vitoria si que foi para o FN, cun 31% dos votos. O PS foi segunda opción en votos, cun 24%. A lista apoiada por nacionalistas occitanos e ERC ficou ás portas de ir á segunda volta.
 

Comentarios