Francia pede a paralización “definitiva” das negociacións do TTIP cos EUA

Primeiro foi Alemaña, agora Francia. O eixo que goberna a UE pon a proa as negociacións con Washington.

Concentración contra o TTIP
photo_camera Mobilización da CIG contra o TTIP

Até agora a voz cantante alemá e francesa non veu dos solistas das respectivas orquestras, senón de segundas figuras, o vicechanceler alemán Gabriel, e o secretario de Estado galo de comercio Fekl, mais o aviso a Obama é clarísimo: as negociacións chegaron a un ponto morto e mellor deixalo correr.

Despois das declaracións do socialdemócrata Gabriel, número dous da chanceler Merkel, sobre o fracaso das negociacións, esta terza feira o secretario de estado de comercio francés, Matthias Fekl, elevou o ton e pediu a “paralización definitiva” das negociacións.

“Non hai máis apoio político de Francia a esas negociacións”, dixo Fekl, admitindo que as conversas, rexidadas por unha opacidade absoluta, xeraran “moita desconfianza e medo”.

A posición oficial de Francia non sería contraria a un tratado de libre comercio cos EUA, senón a como este tratado está a ser plantexado neste momento por Washington

"Os americanos apenas dan nada ou simplesmente migallas. Este non é o xeito de negociar entre aliados", engadiu Fekl.

A posición oficial de Francia non sería contraria a un tratado de libre comercio cos EUA, senón a como este tratado está a ser plantexado neste momento por Washington. "Necesitamos a paralización destas negociacións [que xa levan consumidas 14 roldas] en orden a recomezalas sobre bases novas", esclareceu.

Francia, avanzou o secretario de Estado, levará este asunto á reunión de ministros de comecio exterior da UE axendada para este mes de setembro en Eslovaquia.

A hipótese dun acordo de libre comercio entre os EUA e a UE, que claramente beneficiaría as grandes transnacionais e prexudicaría a economías como a galega, levantou desde que se coñeceu hai tres anos unha grande oposición popular, con intensas mobilizacións, tamén na Galiza, con especial protagonismo para as convocadas pola CIG.

Comentarios