As forzas pro rusas evacúan a poboación civil de Donbass

Putin denuncia "un agravamento da situación".
EuropaPress_4255397_varios_soldados_ucranianos_caminan_frente_edificio_derruido_pueblo_cercano
photo_camera Varios soldados ucraínos, nunha zona próxima ao Donbass pro ruso (Foto: Diego Herrera / Europa Press)

As forzas separatistas pro rusas que controlan as repúblicas de Donetsk e Lugansk, no leste de Ucraína, comezaron onte a evacuación en buses da poboación civil. As alarmas soaron nos dous territorios da rexión de Donbass, coa evacuación de mulleres, anciáns e crianzas, segundo informaron axencias internacionais sobre o terreo.

Neste sentido, o presidente de Rusia, Vladimir Putin, ordenou onte ao ministro de Urxencias en funcións, Alexander Chuprian, crear todas as condicións necesarias para acoller os refuxiados procedentes da rexión.

Confirmouno o portavoz do Kremlin, Dimitri Peskov, que indicou que Putin mantivera unha conversa telefónica con Chuprian, ao que encomendou saír de inmediato cara a Rostov, no sur do país, co fin de organizar a chegada de refuxiados.

Está previsto que as autoridades rusas fagan entrega de alimentos e produtos básicos, ademais de asistencia médica.

A decisión foi tomada horas despois de que as Forzas Armadas de Ucraína e as milicias prorrusas que controlan a maior parte de Donbass denunciasen ducias de violacións do cesamento do fogo en vigor.

Ao respecto, Putin, denunciou "un agravamento da situación" e recriminou o Goberno ucraíno a súa falta de vontade negociadora. "Todo o que Kiev ten que facer é sentar a negociar con representantes do Donbass e acordar medidas políticas, militares, económicas e humanitarias para terminar este conflito", dixo, tras un encontro en Moscova co presidente bielorruso, Alexander Lukashenko, que saíu en defensa de Rusia, acusando os Gobernos occidentais de actuar de forma "estúpida" por axitar constantemente alertas sobre unha inminente invasión militar rusa sobre Ucraína.

Ataques a escolas

Por outra parte, varias organizacións humanitarias expresaron onte a súa preocupación polos recentes bombardeos rexistrados na rexión e alertaron de que 2,9 millóns de persoas que viven en ambos os lados da liña de contacto continúan a necesitar axuda humanitaria urxente.

Nun comunicado, Médicos do Mundo e outras ONG instaron a alcanzar un cesamento do fogo duradeiro no Donbass, dado que é "a única forma de protexer a poboación civil da violencia", e exixiron ás partes enfrontadas que eviten atacar "escolas, crianzas e profesorado".

Comentarios