Fontes da súa contorna din que Blesa nen estaba desanimado nen deprimido

Todo o máis que estaba era "preocupado" polos xuízos que aínda tiña por diante, dixeron a Europa Press persoas da súa confianza. Contodo, a Garda Civil continúa a pensar na hipótese do suicidio.

Miguel Blesa
photo_camera Miguel Blesa

A morte violenta do amigo de Aznar e condenado polo uso fraudulento dos cartóns black comocionou o taboleiro estatal, quer as pezas políticas quer as financeiras.

As primeiras informacións, con fonte na Garda Civil, apontaban con clareza a un suicidio, mais as declaracións de persoas da contorna de Blesa a Europa Press virían debilitar esa hipótese.

Próximos a quen fora presidente de CajaMadrid -relevado por Rato en 2010 após unha intensa batalla política- afirman que nos últimos días non estaba nen "desanimado" nen "deprimido" e que, en todo caso, estaría "preocupado" polas frontes xudiciais que aínda tiña por diante.

Na contorna de Blesa mesmo se chega a afirmar que este non era o pior momento para el, pois abrigaba esperanzas de que o Tribunal Supremo lle acabase dando a razón no recurso que apresentou perante a sentenza da Audiencia Nacional (6 anos de prisión) polo caso dos cartóns black.

O corpo de Blesa apareceu sen vida nunha finca de Córdoba á que viaxara para participar nunha cazaría. Tiña un disparo no feito, realizado cunha escopeta de caza.

Comentarios